Unha alumna de Belas Artes estreará no festival Kerouac Vigo o seu primeiro libro de poemas

Trátase dun volume editado pola propia autora
Publicado por o día 03/10/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo,Vigo

Unha alumna de Belas Artes estreará no festival Kerouac Vigo o seu primeiro libro de poemas

Dun “xeito bastante casual”, recoñece, a alumna da Facultade de Belas Artes Patricia Simón decidiu hai uns meses compilar os diferentes poemas e relatos que fora creando ao longo dos anos. Foi entón cando se deu conta de que unha selección dese material podería dar forma a un libro e decidiuse a editar ela mesma Tus ojos en mi pecho, do que forman parte os versos polos que foi seleccionada para participar na sétima edición do Festival Internacional Kerouak de poesía e performance, que entre este xoves e este domingo se desenvolve en Vigo. “É unha marabillosa oportunidade para dar a coñecer este proxecto”, salienta esta estudante, que este sábado presentará por primeira vez publicamente algúns dos textos incluídos neste volume na terraza de El Corte Inglés, nunha intervención “na que haberá tamén unha performance e que estará cargada de sorpresas”.

Poetas galegos, pero tamén de Nova York, India, Iraq, Alemaña, Euskadi ou Madrid participarán a partir deste xoves na oitava edición dun “encontro de creadores que mesturan a linguaxe poética coa visual, a música en vivo, performance ou spoken words”, segundo informa a organización, e que desde hai tres anos se celebra tanto en diferentes espazos de Vigo Vigo como en Nova York. Festival que ademais de incluír no seu programa a figuras da poesía como o estadounidense Bob Holman, reúne tamén a novos e novas poetas como é o caso desta estudante, que baixo o nome de Patricia Zeta será unha das participantes da actividade programada para este sábado a partires das 19.30 horas no Corte Inglés.

Unha “viaxe de transformación persoal”

Mi dorsal favorito, o poema polo que foi seleccionado na convocatoria do festival é un dos textos incluídos en Tus ojos en mi pecho, un libro no que Simón reuniu unha serie de poesías, relatos ou poemas visuais que teñen como fío condutor “unha viaxe de transformación persoal, de crecemento a través do amor”, sustentada á súa vez tamén nunha viaxe física, a que realizou entre Galicia e Madrid en bicicleta. Libro ao que “por idea dun compañeiro” deulle un título que ve como “unha metáfora bastante potente, da mirada no meu corazón” e que agarda tamén axude a “facer realidade un proxecto persoal”. Concretamente, destinar o recadado coa súa venda á posta en marcha “dun espazo dedicado á arte, unha escola solidaria especialmente dirixida a nenos en risco de exclusión social”, explica a súa autora dun proxecto “que non sei aínda como materializalo, pero si que o fin sexa mesturar as miñas dúas paixóns”, como son a arte e a infancia.