Unha alumna do Centro Superior de Hostelería de Galicia, única finalista española do prestixioso Hyatt Student Prize

A estudante de Diploma Superior en Xestión Hoteleira, Marta Casas, opta a recoller en París este premio que recoñece aos estudantes con máis talento do mundo
Por o 13/01/2018 | Sección: Alimentación
Unha alumna do Centro Superior de Hostelería de Galicia, única finalista española do prestixioso Hyatt Student Prize

O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) converterase esta fin de semana na única escola española finalista na décima edición do Hyatt Student Prize, o destacado premio estudantil de ámbito internacional no que participan os estudantes das escolas de xestión hoteleira máis prestixiosas do mundo e que ano a ano se converte nunha oportunidade única para que os centros de formación demostren a calidade dos seus programas académicos.

Nesta ocasión, a seleccionada é a estudante do cuarto ano de Diploma Superior en Xestión Hoteleira, Marta Casas Bellas, elixida entre 11 finalistas desta décima edición do Hyatt Student Prize que se está a celebrar en París. Con este concurso prémiase aos estudantes con máis talento da industria hoteleira, aos que se lles dá a posibilidade de comezar unha carreira profesional nunha contorna acorde ás expectativas e cualificacións que estes alumnos esperan.

Para acceder a este prestixioso premio, a cadea hoteleira Hyatt convida a escolas de hostelería de todo o mundo coas que identifica características excepcionais na formación, talento e aptitudes dos seus alumnos. Gañador da edición no ano 2013, o CSHG foi finalista na maioría das edicións do concurso, sendo este ano a única escola seleccionada en España. A alumna do CSHG competirá con candidaturas da École hôtelière de Lausanne (Suiza), Hotelschool The Hague (Holanda), Florida International University (EEUU) e The Hong Kong Polytechnic University (China), entre outros.

A final, o luns

Para participar, os aspirantes tiveron que enviar previamente un vídeo en inglés, no que amosan as súas motivacións para desenvolver a súa carreira na hostelería e, unha vez en París, un xurado composto por vicepresidentes executivos de Google, Air France-KLM, Evian-Volvic, Hyatt ou o ex-futbolista, Robert Pirès, cualificarán as capacidades interpersoais e de liderato a través dunha serie de retos que determinarán ao vencedor na gala que se celebrará este luns no Hyatt Regency Paris Étoile.

O gañador desfrutará dunhas prácticas na central de operación que a cadea ten en Chicago (EEUU), e por diferentes lugares do mundo onde Hyatt ten hoteles.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.