Unha benvida entre iguais

O obxectivo foi axudar á súa integración no centro
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

Unha benvida entre iguais

Durante as primeiras semanas do mes de setembro sucedéronse no campus de Ourense os actos cos que, nun amplo abano de formatos, os diferentes centros quixeron dar a benvida oficial especialmente aos novos estudantes. Este martes, o alumnado de primeiro curso do Grao en Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación tivo a oportunidade de participar nun deses actos, coa particularidade especial de que nesta ocasión foron os seus propios compañeiros e compañeiras de centro os que organizaron a actividade.

A xornada de convivencia estivo organizada polas e polos estudantes de segundo curso de Educación Social. “A finalidade última desta actividade, que se organiza por segungo ano consecutivo, é coñecérmonos e crear vínculos de confianza entre os diferentes cursos”, comentaron Sonia Leiro e Tania Gándara, dúas das estudantes que participaron na preparación e desenvolvemento da cita. Para acadalo, deseñaron un amplo abano de xogos que lles permitiu ás e aos participantes ir rachando paulatinamente o xeo e coñecerse entre si. Para rematar a xornada non faltou un pícnic nos xardíns universitarios.