Unha caravana de vehículos reivindicará na Coruña un convenio «digno» para o sector da limpeza de edificios

Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG convocan unha caravana de vehículos que percorrerá varias rúas da Coruña o vindeiro venres, día 22 de xaneiro, en defensa dun convenio digno para o sector da limpeza de edificios na provincia. Os automóbiles partirán ás 11:30 do edificio sindical de Alfonso Molina e no seu percorrido visitarán as sedes das principais empresas do sector.
Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Galicia,A Coruña,CC.OO,Protestas,Sindicatos

Unha caravana de vehículos reivindicará na Coruña un convenio «digno» para o sector da limpeza de edificios

Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG convocan unha caravana de vehículos que percorrerá varias rúas da Coruña o vindeiro venres, día 22 de xaneiro, en defensa dun convenio digno para o sector da limpeza de edificios na provincia. Os automóbiles partirán ás 11:30 do edificio sindical de Alfonso Molina e no seu percorrido visitarán as sedes das principais empresas do sector.

Con esta acción, os sindicatos aumentan a presión sobre as patronais da limpeza, ás que instan a «recapacitar» sobre a súa «actitude obstrucionista» nas negociacións. CCOO, UGT e CIG denuncian que a parte empresarial teima en recortar dereitos sociais, conxelar os salarios e non crear novo emprego, ao tempo que aumenta a facturación pola maior carga de traballo que ocasiona a pandemia.

Denuncia na Inspección

Os sindicatos lembran que, amais destes recortes, as empresas do sector xa están a incumprir algúns puntos do actual convenio colectivo. Por esta razón, o pasado 13 de xaneiro rexistraron na Inspección de Traballo da Coruña 136 denuncias a empresas de limpeza de edificios por non cumpriren o artigo 8 do convenio, polo que o persoal a tempo parcial ten dereito a cubrir as vacantes que se poidan xerar.

Convocatoria de folga

Se as empresas manteñen as súas posicións e teiman nesta política de recorte de dereitos, o seguinte paso dos sindicatos será consultar o persoal do sector para convocar folga.