Unha charla promovida por Benestar Animal desvelará as dietas máis saudables para as nosas mascotas

A actividade informativa terá lugar o vindeiro domingo 19 de xaneiro na Casa Azul, será impartida por AECAM e abordará diversos aspectos sobre a alimentación de cans e de animais exóticos

¿É o can un omnívoro ou un carnívoro adaptado? Botar un pouco de luz sobre esta e outras cuestións relativas á alimentación de cans e de animais exóticos é o principal obxectivo dunha charla informativa promovida pola Concellería de Benestar Animal, que dirixe a socialista Paloma Castro, e que terá lugar o vindeiro domingo 19 de xaneiro ás 17.00 horas na Casa Azul. A actividade, organizada pola Asociación Educativa e Cultural Animais do Mundo (AECAM) en colaboración con Kesar’s Educación Canina, forma parte dun ciclo de coloquios sobre tenencia responsable de animais domésticos e de compañía programado coa finalidade de concienciar e educar á cidadanía á hora de adquirir e coidar das súas mascotas.

A charla servirá para abordar distintos aspectos da dieta dalgúns dos animais máis comúns nos nosos fogares. Tal e como apunta Paloma Castro, “a alimentación é un dos piares fundamentais no coidado e mantemento dos animais e moitos de nós estamos acostumados a ofrecer produtos comerciais que non sempre son a mellor opción para as nosas mascotas”. “Entendendo o comportamento de cada especie -suliña a edil- poderemos proporcionar unha dieta natural, máis sa para os animais, o que repercutirá no seu estado de saúde de xeito moi positivo”.

Así, os expertos da AECAM analizarán a oferta de alimentos comerciais, o que permitirá realizar a mellor elección para alimentar ás mascotas con penso, e describirán punto por punto os prexuízos que pode producir nos cans a alimentación a base do mesmo a medio e longo prazo, dando alternativas que, dende o seu punto de vista, resultan máis saudables.

Asemade, aportarán datos sobre os beneficios que proporciona aos cans unha alimentación bioloxicamente adecuada e desmitificarán o consumo de comida natural por parte dos animais, poñendo sobre a mesa outras opcións aos alimentos comerciais: dieta BARF (acrónimo de Biologically Appropriate Raw Food, en galego, Alimentación Crúa Bioloxicamente Axeitada), presa, comida cociñada…

Paloma Castro explica que esta charla coloquio, a segunda das tres que se programaron, está dirixida ao público en xeral (esencialmente adultos e adolescentes) e ten entrada de balde ata completar un aforo máximo de 30 persoas. @s interesad@s en asistir á mesma deben poñerse en contacto cos organizadores a través do whatsapp 667 231 974 ou do email info@aecamgalicia.com.

A primeira das charlas impartidas pola AECAM desenvolveuse o pasado 22 de decembro e, segundo lembra a concelleira socialista, “foi un rotundo éxito de asistencia, cun cheo de público na Casa Azul”. A concelleira de Benestar Animal agarda que actividades como esta contribúan a concienciar e sensibilizar á poboación de Pontevedra sobre a responsabilidade que supón ter animais ao noso cargo, evitando casos de abandono.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM