Unha colisión por alcance sáldase cunha muller ferida en Vilagarcía

Publicado por o día 29/12/2017 na sección de Sucesos

Unha colisión por alcance sáldase cunha muller ferida en Vilagarcía

Unha muller resultou ferida na tarde de onte a causa dunha colisión entre un turismo e unha furgoneta na Avenida de Vilanova, en Vilagarcía.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro rexistrouse ás oito da tarde de onte cando ambos os dous vehículos circulaban pola comarcal que une Cambados con Vilagarcía á altura do Pazo Rial. As testemuñas do accidente sinalaron que ambos os dous vehículos colidiron por alcance e que, a causa do golpe, a muller quedou semiinconsciente no interior do turismo.

Así, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) avisaron aos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Salnés ante a sospeita de que a ferida estivese, ademais, atrapada no vehículo.

Finalmente, os servizos sanitarios indicaron que a muller estaba desorientada e presentaba diversas lesións, pero liberada e accesible, polo que os bombeiros descartaron intervir. Non obstante, colaboraron cos profesionais de Urxencias Sanitarias na atención e evacuación da ferida.

Outra muller evacuada en Arteixo
Tamén en Arteixo tivo que ser evacuada outra muller tras resultar ferida nun accidente de tráfico rexistrado pouco antes das once da noite na estrada de Arteixo a Caión, ao paso por Chamín.

Neste caso, tratouse dun turismo que se saíu da vía na DP-0514 e a súa condutora sufriu lesións de consideración que motivaron a súa evacuación urxente ao centro hospitalario de referencia.

Ata o lugar se desprazaron os profesionais de Urxencias Sanitarias e os axentes da Garda Civil de Tráfico alertados polo persoal do 112 Galicia.