Unha colisión entre un coche e un camión deixa unha muller ferida de consideración no Porriño

Por o 18/01/2018 | Sección: Sucesos
Unha colisión entre un coche e un camión deixa unha muller ferida de consideración no Porriño

Os servizos sanitarios de urxencia están a atender a unha muller que resultou ferida de consideración tras colidir co seu turismo cun camión que transportaba penso no Porriño.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o accidente produciuse pasadas as doce de esta mañá na estrada de Quintela a Mosende, concretamente no lugar de Pontellas.

Como consecuencia do impacto, a muller que conducía o turismo resultou ferida grave, apuntou o condutor do camión, que se puxo en contacto co 112 Galicia para achegar máis información sobre este suceso.

Deseguido, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse aos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Baixo Miño, aínda que, segundo confirmou o camioneiro, a ferida está liberada e accesible.

Vehículo envorcado en Touro
Ademais, esta mañá, o CIAE 112 Galicia atendeu outro accidente de tráfico rexistrado no concello de Touro.

Sucedeu ás 11:45 horas de hoxe e, segundo indicou a persoa que alertou ao 112 Galicia, un turismo saíuse da vía e envorcou diante da escola infantil da localidade.

A causa do golpe, resultou ferida a condutora do vehículo, que, tras as dificultades iniciais, puido saír do vehículo sen a necesidade dos recursos de excarceración.

Porén, ao lugar do accidente acudiron os bombeiros de Arzúa, alertados polo 112, que cooperaron co equipo médico para estabilizar a ferida e facilitar a súa evacuación.

Atropelo no Barco
Por último, arredor das once desta mañá, unha persoa foi atropelada por un camión na Avenida Conde Fenosa do Barco de Valdeorras.

Tratouse dunha persoa de avanzada idade que foi trasladada por unha ambulancia de Urxencias Sanitarias, aínda que o seu estado de saúde non revestía gravidade.

Ao lugar do accidente acudiron o equipo médico e os axentes da Policía Local, alertados polo persoal do CIAE 112 Galicia.