Unha colisión entre dous turismos no túnel da Madalena deixa dúas persoas feridas en Cangas

Dúas persoas resultaron feridas esta mañá en Cangas a causa dun accidente entre dous coches rexistrado na CG-4.1, concretamente  no túnel da Madalena, en Cangas.

Varios particulares contactaron ao 112 Galicia ás 13:30 horas para informar do suceso. Indicaban que o sinistro produciuse á altura do punto quilométrico 14, próximo á saída do túnel, sentido Bueu, e que ao menos unha persoa parecía necesitar axuda para abandonar o seu vehículo.

Axiña, desde o 112 solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo e do Morrazo e dos membros de Protección Civil de Cangas.

Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia tiveron que liberar a unha das persoas feridas. Finalmente, ambas foron atendidas polo equipo médico e evacuadas ao centro hospitalario de referencia.

Cómpre sinalar que para garantir as condicións de seguridade na vía, desde o 112 Galicia informouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Bueu e de Cangas, ademais do servizo de mantemento da estrada.

Dous feridos en Tui

Por outra banda, unha saída de vía na A-55 mobilizou aos equipos de emerxencia ao mediodía de hoxe. No interior do vehículo circulaban dúas persoas de avanzada idade que foron atendidas no punto polos profesionais sanitarios.

Ás 14:30 horas, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia foi informado a través da chamada dun particular deste accidente no punto quilométrico 26, á altura da parroquia de Guillarei.

Segundo a información facilitada aos xestores do CIAE, o coche saíuse da vía e rematou envorcado. Deste xeito, para prestar atención aos feridos, desde o 112 pediuse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do baixo Miño, dos axentes da garda Civil de Tráfico e da Policía Local e tamén de protección Civil de Tui e servizo de mantemento da vía.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario