Unha colisión entre unha furgoneta e un camión en Vigo saldouse cunha persoa ferida

Publicado por o día 11/11/2019 na sección de Galicia,Sucesos,Vigo

Unha colisión entre unha furgoneta e un camión en Vigo saldouse cunha persoa ferida

Unha persoa que circulaba nunha furgoneta resultou ferida e tivo que ser trasladada a un centro médico esta mañá ao bater contra un camión que transportaba ferro en Vigo. O accidente produciuse na A-55, no punto quilométrico 7, á altura de Cabral.

Por mor do impacto, produciuse unha vertedura procedente do camión, que afectou á vía de circulación e, para controlala, os servizos de emerxencia desprazados empregaron materiais absorbentes.

Varias persoas particulares alertaron ao 112 Galicia ao fío das 12:00 horas. A partir de aí, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Baixo Miño e de Vigo, da Garda Civil de Tráfico, do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e de Protección Civil de Mos, así como da Policía Local.

Retiran un vehículo das vías do tren en Fene

Os servizos de emerxencia mobilizáronse para retirar un vehículo que rematou nas vía do tren preto do apeadoiro de Perlío, en Fene. Segundo puido saber o 112 Galicia, ningunha persoa resultou ferida nin tampouco se viu afectado o tráfico ferroviario.

Ocorreu uns minutos antes das 9:10 horas. Nese momento, o persoal de Adif alertaba dos feitos ao 112 Galicia. Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Policía Local, de Protección Civil da localidade, do GES de Mugardos e dos Bombeiros de Ferrol.

Finalmente, as vías quedaron despexadas e con actividade normal despois da retirada do vehículo por un guindastre ao fío das 10:15 horas.