Unha colisión frontal entre unha furgoneta e un coche en Vimianzo sáldase cun home ferido de consideración

Publicado por o día 16/08/2020 na sección de Sucesos

Unha colisión frontal entre unha furgoneta e un coche en Vimianzo sáldase cun home ferido de consideración

Un home resultou ferido de consideración esta mañá en Vimianzo nunha colisión frontal entre un turismo e unha furgoneta. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o varón accidentado foi trasladado nunha ambulancia ao Hospital Virxe da Xunqueira.

O sinistro produciuse ao fío das 6:55 horas na estrada que une Vimianzo e A Coruña.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia nese momento para alertar do ocorrido e, nada máis ter coñecemento do accidente, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Cee, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e do servizo de mantemento da estrada.

Coche envorcado en Narón

Por outra banda, durante a pasada tarde tivo lugar un accidente na AG-64, ao seu paso por Narón, que saldouse con dúas persoas feridas, unha delas excarcerada, despois de que o coche no que circulaban envorcase no punto quilométrico 5 da autovía.

Para rescatar á persoa atrapada no turismo accidentado, foi precisa a intervención dos Bombeiros de Narón, que empregaron o material de excarceración para liberala e que fose atendida polos servizos sanitarios.

A chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia, preto das 19:30, permitiu activar un operativo no que interviñeron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Narón, a Policía Local e o servizo de mantemento da autovía.

Comentar noticia

Your email address will not be published.