Unha colisión múltiple deixa dúas persoas feridas en A Laracha

Publicado por o día 28/07/2020 na sección de Sucesos

Unha colisión múltiple deixa dúas persoas feridas en A Laracha

Un accidente múltiple, tres turismos implicados, no concello coruñés de A Laracha, saldouse esta tarde con dúas persoas feridas.

O accidente ocorreu sobre as 17:00 horas cando os vehículos circulaban pola AC-552, pola recta coñecida como de San Román.

Foi un particular quen, a esa hora, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Aseguraba, ademais, que había unha muller atrapada no interior dun dos turismos. Así, decontado, desde o 112 Galicia ademais de informar ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, solicitou a colaboración dos Bombeiros de Carballo, que axiña se desprazaron ao punto. Do mesmo xeito, foron informados os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos de Protección Civil.

Unha vez no lugar, os servizos de emerxencias alí desprazados descartaron o uso do material de excarceración, a muller non estaba atrapada polos ferros senón que as portas do vehículo non abrían.

Finalmente, os xestores do 112 tras contactar coa implicada, ela mesma asegurou que conseguira saír do vehículo polo parte do condutor do vehículo.

Os axentes da Policía Local confirmaron o traslado dun dos feridos polo persoal sanitario e a outra persoa que resultou ferida desprazouse polos seus propios medios ata un centro hospitalario.

Tamén foi precisa a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.

Colisión múltiple en Pontevedra

Tamén en Pontevedra, dúas persoas resultaron feridas tras colidiren tres turismos que circulaban á altura do punto quilométrico 132 da AP-9.

Nada mais recibir a alerta dun dos implicados, pasados dez minutos das 17:00 horas, o 112 Galicia informou ao Servizo Sanitario de Urxencias de Galicia-061, aos Bombeiros, á Garda Civil de Tráfico e Policía Local, así como, aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.