Unha convocatoria ‘extraordinaria’ do Aquí Cántase volverá abrir as Festas da Peregrina

Terá lugar o venres ás 22h na praza da Ferraría e o público participante terá que permanecer sentado no espazo acotado para a actuación
Publicado por o día 05/08/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Unha convocatoria ‘extraordinaria’ do Aquí Cántase volverá abrir as Festas da Peregrina

Por cuarto ano consecutivo os cantos colectivos e populares da actividade ‘Aquí Cántase’ terán lugar na véspera das Festas da Peregrina, aínda que nesta edición terán un desenvolvemento diferente por mor das medidas de seguridade e prevención da Covid-19. A concelleira de Festas de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, e o representante da Asociación Maravallada, Luis Torres, presentaron esta mañá unha nova edición desta actividade que cualificaron como “extraordinaria” polas circunstancias, mais co obxectivo de que “este ano Pontevedra non quede sen cantar”.

A actividade comezará ás 22h na praza da Ferraría e o público que desexe participar deberá acceder á zona acotada na praza e permanecer nas cadeiras durante a hora de duración prevista. O grupo Maravallada será o encargado de acompañar os cantos con música desde o escenario, e tamén repartirá o repertorio impreso para que as persoas participantes poidan seguir a letra con maior facilidade. Neste sentido, Luis Torres explicou que “non se trata dunha actuación de Maravallada senón que nós estaremos alí para acompañar, porque o que queremos é que a xente participe e cante”.

Carme da Silva salientou que “esta é unha das actividades que máis alegran o verán pontevedrés e que xa forma parte da tradición”, ao tempo que animou ao público a participar indicando que “quen realmente vai actuar é a xente que esteamos alí cantando e demostrando que nestas circunstancias, tal e como di a programación de verán do Concello, Pontevedra Vívese nas súas prazas, vívese nos seus espazos publicos, e esta tamén é unha forma de facer un canto colectivo de moita xente que participa para poder facelo posible”.

Tanto Luis Torres como Carme da Silva fixeron referencia a que nesta edición especial non foi posible levar a cabo os ensaios previos que se realizaban tradicionalmente durante a primavera en varios centros sociais da cidade e lembraron o esforzo de adaptación realizado durante o confianamento para manter viva a actividade ‘Cantos de taberna’ con dúas actuacións a través das redes sociais. Tamén o venres, quen o desexe, poderá seguir ‘Aquí Cántase’ en directo a través da páxina de Facebook de Maravallada.

Protocolo Covid-19

Esta actividade, ao igual que todas as actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica. Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control… Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar. A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra. A entrada ao recinto abrirase unha hora antes para que as
persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas. En todos os espazos escénicos haberá unha única porta de entrada.

O público deberá pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deberán levar máscara, limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que haberá no espazo acoutado.

Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todoo tempo, agás para abandonar o recinto.

Ao remate, a Concellaría habilitará dúas saídas en cada un dos espazos, que estarán en lugares opostos á entrada.

Comentar noticia

Your email address will not be published.