Unha «dura» sentenza do TSXG tumba o recurso de SAR Quavitae Santiago contra a demanda gañada por unha delegada de CCOO

A resolución xudicial confirma unha sentenza anterior e conclúe que aceptar os argumentos da empresa significaría beneficiar a quen orixinou o litixio
Publicado por o día 01/06/2017 na sección de CC.OO,Galicia,Sanidad,Sindicatos,Vigo

Unha «dura» sentenza do TSXG tumba o recurso de SAR Quavitae Santiago contra a demanda gañada por unha delegada de CCOO

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de desestimar o recurso de suplicación de SAR Quavitae contra a demanda gañada por unha delegada de Comisións Obreiras (CCOO) na residencia que esta empresa —do grupo Geriatros— xestiona en Santiago de Compostela. Na demanda orixinal, a traballadora reclamaba o goce dos descansos que lle correspondían tanto na xornada ordinaria como as compensacións polos excesos horarios producidos, peticións non atendidas pola denunciada.

A primeira sentenza, emitida polo Xulgado do Social compostelán en maio do ano pasado, obrigaba a empresa a recoñecerlle á denunciante a compensación polos días festivos traballados nos anos 2012, 2013, 2014 e 2015 na forma que marca o artigo 38 do convenio de residencias privadas da terceira idade da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude da sentenza —ratificada en todos os extremos polo TSXG—, a traballadora e o resto das compañeiras han ser compensadas con 1,3 xornadas laborais por cada día festivo que traballen. Asemade, teñen dereito a un descanso mínimo semanal de 36 horas ininterrumpidas —isto é, un día e medio—, ao tempo que o descanso diario entre xornadas ha ser dun mínimo de 12 h. Con todo, o descanso entre xornadas non se pode solapar co semanal, tal como especifica o convenio no artigo 29.a, polo que haberá casos en que o descanso continuado sexa de 48 h ininterrompidas.

A Federación de Sanidade de CCOO denuncia que SAR Quavitae, integrada no grupo Geriatros, segue «teimando» nos Xulgados mediante a interposición de recursos ante as instancias xurídicas de orde superior e «acumulando sentenzas en contra». Todo isto, o obxectivo de «atrasar o inevitable», que é o respecto dos dereitos laborais recollidos no convenio colectivo. Desde CCOO-Sanidade lamentan a «teimosía» da patronal, que «con tal de non recoñecer o que aparece con claridade no convenio, insisten en perder sentenzas que, ademais, a condenan a aboar as custas do recurso».

Unha «dura» sentenza

A Federación de Sanidade de CCOO cualifica de «dura» a resolución do TSXG que confirma a sentenza emitida en primeira instancia polo Xulgado do Social de Santiago. Tal é así, que o alto tribunal galego chega a afirmar que, caso se aceptar a interpretación feita por SAR Quavitae nas súas alegacións, «estaríase a premiar o incumpridor», destaca un portavoz do sindicato.

Concretamente, a literalidade da sentenza considera que aceptar o recurso da empresa «suporía beneficiar, aínda que só fose parcialmente, a quen, co seu incumprimento do convenio colectivo, foi a parte contractual causante da situación de confusión» e ocasionando «un prexuízo á traballadora, que non fixo senón reclamar aspectos do seu dereito que lle recoñece o convenio».