“Unha enfermidade que afecta ao 10% das mulleres non debe tratarse con desleixo na sanidade pública: a endometriose”

Publicado por o día 02/06/2017 na sección de Cangas,Galicia,Vigo

A asociación Púrpura envía por rexistro ao alcalde do Concello de Cangas unha moción sobre a atención a mulleres con endometriose e divulgación de dita doenza no noso concello.

Segundo os estudos realizados até o de agora, a endometriose afecta ao 10% das mulleres en idade fértil. De se confirmar este dato, en Galicia habería máis de 60.000 mulleres afectadas por endometriose das cales o 15% teñen formas severas da doenza, o que suporía arredor das 9.000 mulleres.

O parlamento de Galiza, xa aprobou en Comisión, e por unanimidade, unha PNL para impulsar a detección precoz da endometriose, así como a investigación dende o punto de vista sanitario desta patoloxía xinecolóxica; instando á Xunta, e en concreto á Consellería de Sanidade, a constituír varios grupos de traballo sobre a endometriose, así como difundir unha guía de coidados a mulleres que a padezan e impulsar a súa investigación.

Dous anos despois, dende a Asociación Púrpura non percibimos que estes acordos parlamentares estean a levarse a cabo. As rapazas do noso concello non están a recibir unha educación xinecolóxica completa, pois moitas delas asumen como normal que a regra doa. Queremos enviar unha mensaxe clara a estas rapazas: a regra e o coito non teñen que doer, e se o fan algo acontece e debemos acudir ao médico para que poida explorarnos. Porén, un dos principais problemas aos que nos enfrontamos as mulleres que padecemos endometriose é o atraso diagnóstico, que se cifra ao redor dos 9 anos dende o inicio dos síntomas, encadrado nunha visión de normalización do sufrimento de muller vinculado á menstruación. Este é para a Asociación Púrpura, un claro exemplo da falta de perspectiva e xénero na ciencia, o medicamento e a saúde; así como a escaseza de investigación sobre enfermidades de mulleres.

Por isto, Púrpura anima a todos os grupos con representación no concello a aprobar esta moción no vindeiro pleno de xuño.