Unha fuga de gas obriga a desaloxar 35 vivendas en Salceda de Caselas

Publicado por o día 17/07/2020 na sección de Galicia,Salceda,Sucesos

Unha fuga de gas obriga a desaloxar 35 vivendas en Salceda de Caselas

Un total de 35 vivendas tiveron que ser desaloxadas a causa dunha fuga de gas na Rúa Vigo, dentro do termo municipal de Salceda de Caselas.

Por fortuna, ninguén resultou afectado, pero os veciños deberon abandonar as súas casas mentres que os servizos de emerxencias localizaron o punto de fuga.

Ademais, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos técnicos da empresa subministradora, que remataron de arranxar a avaría que estaba a provocar a perda de gas. Unha vez restablecidas as condicións de seguridade, as persoas puideron volver ás súas casas sen que se rexistrasen danos persoais.

Cómpre salientar que evacuaron 35 vivendas, mentres que outros veciños da zona deberon quedar confinados nas súas casas o tempo que duraron os traballos de reparación.

Este operativo activouse pasadas as nove da noite de onte tras recibir no 112 Galicia as chamadas dos ocupantes das vivendas, alarmados por un forte cheiro a gas. Decontado, informouse aos Bombeiros do Baixo Miño, aos voluntarios de Protección Civil, aos axentes da Garda Civil e, tamén, aos técnicos da empresa subministradora do servizo.

Arde por completo unha casa abandonada en Oleiros

Por outra banda, o 112 Galicia tivo coñecemento dun incendio que devorou por completo unha casa abandonada situada na Avenida das Mariñas, en Oleiros. Por fortuna, ninguén resultou afectado, tal e como comunicaron os equipos de extinción a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia.

Iso si, desde as 20:45 horas, cando se recibiu a alerta dun veciño, os Bombeiros de Arteixo e Betanzos, coa axuda dos membros do Servizo Local de Emerxencias de Oleiros, traballaron para sufocar o lume ata a 1:30 da madrugada. Sen embargo, unha hora máis tarde houbo que volver debido a algúns rescaldos que permanecían acesos e reavivaron o lume. Sobre as oito da mañá quedaba solucionado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.