Unha investigación sobra María Castaña deu orixe a Pillabán, Pillabán, a novela de Amador Castro Moure presentada hoxe no Centro Galego de Barcelona

Publicado por o día 08/11/2019 na sección de Cultura

Unha investigación sobra María Castaña deu orixe a Pillabán, Pillabán, a novela de Amador Castro Moure presentada hoxe no Centro Galego de Barcelona

Pese ao estendido uso da expresión “en tempos de María Castaña”, a figura desta veciña medieval da Pobra de Brollón (Lugo) é pouco coñecida. Con todo, grazas a algunhas investigacións, sábese que María Castaña encabezou en 1386 unha revolta contra a Igrexa polos abusos na cobranza de tributos do bispo de Lugo. Unha destas investigacións, a realizada polo arqueólogo e historiador Xurxo Ayán, foi en gran parte a orixe da novela Pillabán, pillabán, que foi hoxe presentada polo seu autor, Amador Castro Moure, no Centro Galego de Barcelona.

Segundo Castro Moure, foron os veciños da parroquia brollonesa de Cereixa, con todo, quen lle motivou realmente a crear o libro. Un libro que, a pesar de recoller parte da investigación de Ayán, constitúe un relato “de ficción”, no que María Castaña “ten unha presenza constante, pero ausente”, insistiu o seu autor na presentación.

Nesa ficción, Pillabán, pillabán parte dunha reunión dos fillos de María Castaña, corenta anos despois de que á familia fosen arrebatados os seus bens, para penetrarse nunha Galicia convulsa, entre o fin da Idade Media e o inicio da Idade Moderna, na que os nobres abusan do seu poder e son considerados polo pobo, farto e canso, auténticos malfeitores ocultos nos seus castelos.

Nacido no lugar de Nandulfe (Chantada, Lugo), Castro Moure vive desde moi novo en Barcelona e é autor doutras dúas novelas, a última das cales, Shanghai a Barcelona, centrada na emigración galega á capital catalá, valeulle este ano o Premio Xerais de Novela. Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, publicou poemas en varias obras colectivas e tivo tamén unha incursión no mundo da música como fundador do grupo 100.000 Profilácticos e como guitarrista en Alicia golpea.

DISPOÑIBLE NA LIBRERÍA ALIBRI

Con esta novela, Amador Castro Moure súmase á relación de autores galegos cuxas obras estarán dispoñibles na librería Alibri de Barcelona, grazas á colaboración establecida polo Centro Galego con este establecemento. En virtude do devandito acordo de colaboración, Alibri poñerá á venda os libros presentados na entidade, o que constitúe un paso máis na promoción e difusión da literatura galega.

Comentar noticia

Your email address will not be published.