Unha lección de cultura para entender o mundo dos negocios en China

O centro acolleu este martes unha conferencia de Modesto Corderí
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

Unha lección de cultura para entender o mundo dos negocios en China

A República Popular China é o país máis poboado do mundo, con más de 1300 millóns de habitantes, e a primeira potencia económica mundial por PIB. Por estes dous datos, as probabilidades de que as e os futuros titulados da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense se relacionen nalgún momento con profesionais e/ou empresas dese país  non son poucas. Tendo en conta esta circunstancia, o centro organizou este martes unha conferencia na que os estudantes tiveron a oportunidade de achegarse á cultura do xigante asiático.

Os “chineses de España”

A conferencia, que levou por título Diferenzas culturais e empresariais entre China e Galicia, foi ofrecida por Modesto Corderí, xefe do Departamento de Chino da Escola Oficial de Idiomas de Ourense. Nela amosou ás persoas asistentes como “os galegos somo os chineses de España”, afirmando como “temos moitas máis cousas en común que diferencias”. Entre esas cousas en común, o profesor apuntou cuestións como a orixe rural, a historia de emigración ou “como somos traballadores e aforradores coma eles”. Con humor tamén salientou como chinos e galegos tamén comparte “dicir as cousas de xeito indirecto e non definirnos para evitar o conflito”. Isto provoca, apuntou cun sorriso, que “un diálogo entre un chinés e un galego pode chegar a ser moi interesante” pois, recalcou, “ambos somos moi moi desconfiados”. En todo caso, durante a súa intervención o relator fixo fincapé en como “somos máis parecidos do que cremos en principio”.

Entre as diferencias a ter en conta á  hora de relacionarse empresarialmente con China, Modesto Corderí  salientou como “nós queremos facer todo moi rápido, eles non” e como “os contratos para nós teñen unha validez como se estivesen escritos en pedra e para eles é máis ben unha declaración de intencións, o que nos obriga a nós a ser máis flexibles”. En relación con isto apuntou tamén como “moitos tratos fanse en ceas e comidas e como hai unha xerarquía moi importante para eles que hai que respectar”. Tamén destacou entre as diferenzas como en China as e os estranxeiros son moi ben recibidos cando aquí “somos bastante pechados cos que veñen de fóra”.

Aprender a colaborar

Corderí salientou a importancia de que o alumnado se achegue á cultura chinesa porque cando empece a traballar é probable que a empresa na que o faga compre ou venda en relación con empresas chinesas, polo que subliñou “hai que coñecer con quen nos relacionamos, entender como pensan, como se fan as cousas alí, aprender a colaborar con eles”. Así, ao longo da súa intervención, o relator fixo un achegamento ao xigante asiático desde diferentes perspectivas, amosando aos participantes desde como saudar en chinés ou coñecer o mapa deste país ata datos históricos de relevancia, como por exemplo como a apertura económica desta república popular chegou nos anos 70 de man de Deng Xiao Ping. A evolución tan gran vivida polo país desde entón pero en tan pouco tempo histórico, sinalou, fai que aínda “soemos ter unha imaxe moi antiga de China”. Como exemplo da rapidez desta evolución, o relator lembrou como cando el chegou a Beijing no ano 2006 había na cidade tres liñas de metro e como cando a deixo en 2016 era xa máis de 20.