Unha manta eléctrica provoca un incendio nunha vivenda en Vigo e obriga a evacuar a tres membros dunha familia con síntomas de intoxicación por fume

Publicado por o día 07/12/2020 na sección de Galicia,Sucesos,Vigo

Unha manta eléctrica provoca un incendio nunha vivenda en Vigo e obriga a evacuar a tres membros dunha familia con síntomas de intoxicación por fume

Os servizos sanitarios de urxencia evacuaron ao Hospital Álvaro Cunqueiro a tres membros dunha familia, entre eles un menor, con síntomas de intoxicación por inhalar fume dun lume declarado no interior da súa vivenda.

Todo comezou ás 02:30 horas desta madrugada na Rúa Manuel de Castro, á altura do número 9. Nese momento, o 112 Galicia tivo constancia do incendio a través da chamada de alerta dun dos moradores. Segundo o seu relato, o lume comezou nunha manta eléctrica e, debido a iso, a concentración de fume nas estancias era bastante molesta.

Nada máis ter constancia do suceso, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo e dos axentes da Policía Local.

Finalmente, a familia foi encamiñada ao centro hospitalario polo equipo sanitario.

Incendio nunha casa abandonada en Santiago
Por outra banda, os servizos de emerxencia tiveron que intervir para atallar as lapas dun lume nunha edificación abandonada na Rúa Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela.

Malia que ninguén resultou ferido, as labores de extinción, que comezaron ao fío das 18:30 horas da pasada tarde, prolongáronse ata as 22:00 horas da noite de onte.

De acordo coa información facilitada polos Bombeiros de Santiago ao 112 Galicia, ardeu a estrutura dunha casa abandonada de tres andares á altura do número 122. De momento, descoñécense as causas que puideron provocar o incidente.

Preto das seis horas da tarde do último domingo, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para informar que vían saír fume dende as ventás do edificio. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) informouse aos bombeiros da cidade, aos axentes da Policía Local e Nacional e tamén aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Ademais, co fin de garantir as condicións de seguridade durante as tarefas de extinción, púxose a situación en coñecemento da empresa subministradora de enerxía eléctrica da zona.

Comentar noticia

Your email address will not be published.