Unha menor necesitou asistencia médica tras inhalar fume dun lume declarado na súa vivenda en Baiona

Por o 30/03/2018 | Sección: Sucesos
Unha menor necesitou asistencia médica tras inhalar fume dun lume declarado na súa vivenda en Baiona

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá a unha menor afectada polo fume dun incendio orixinado no interior da súa vivenda en Baiona.

Sucedeu ás 09:00 horas de hoxe nun edificio de tres plantas situado na Avenida de Sabarís, onde un lume iniciado no salón da vivenda acabou calcinando a estancia e a práctica totalidade do seu mobiliario.

O incendio provocou unha intensa fumareda que afectou a unha menor duns oito anos que se atopaba, xunto coa súa familia, no domicilio, que abandonaron en canto se decataron do lume.

Así, tras unha chamada de alerta ao 112 Galicia, activouse un operativo no que interviñeron os membros do GES do Val Miñor e os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Baixo Miño.

Segundo explicaron, o lume quedou confinado no salón afectado, aínda que o fume extendeuse ao resto da vivenda. Foron precisamente os gases provocados pola combustión, o que afectaron á cativa, que foi evacuada nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao Centro de Saúde de Nigrán.

A saraiba provoca a saída de vía dun vehículo cando circulaba pola N-541, en Forcarei

O pedrazo parece ser a causa dun accidente de tráfico rexistrado na N-541, ao paso polo concello pontevedrés de Forcarei.

Como consecuencia do golpe, unha muller resultou ferida e tivo que ser atendida por un equipo do 061-Urxencias Sanitarias desprazado no punto.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse ás 11 horas de hoxe no quilómetro 54 da N-541, en sentido Ourense.

Ao punto acudiron, ademais dos servizos sanitarios, os axentes da Garda Civil de Tráfico, que, unha vez alí, comprobaron que a vía estaba cuberta de saraiba, polo que pediron ao persoal do 112 Galicia que fosen avisados os traballadores do servizo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento.

Non foi o único accidente nesta estrada, xa que, segundo indicaron os operarios outro vehículo saíuse da vía un par de quilómetros máis adiante.

Certamente, a neve, a saraiba e o xeo están a condicionar a circulación por moitas estradas galegas. Así, moitos condutores se puxeron en contacto co 112 Galicia para informar das dificultades de transitar por algunhas vías da provincia de Lugo, concretamente, no Alto da Gañidoira, no Alto do Faro, en Chantada; no Alto do Hospital, en Portomarín; e na AG-64, ao paso por Xermade. Tamén houbo problemas en Navia, Muras e Pedrafita.

Na provincia da Coruña, detectáronse problemas no Concello de Toques e na AC-101, en As Pontes.

Igualmente, en Pontevedra, o 112 Galicia tivo constancia das dificultades para circular no nudo dos bombeiros de Pontevedra por causa da saraiba; na PO-533, en Rodeiro e na AG-53, ao paso por Dozón.

Cae por un desnivel en Ribeira de Piquín

Por outra banda, o CIAE 112 Galicia rexistrou un accidente de tráfico en Ribeira de Piquín, onde un vehículo saíuse da vía e caeu por un desnivel duns tres metros de profundidade.

Para facilitar o traballo do equipo médico, acudiron os bombeiros de Vilalba, que abriron o paso para sacar ao ferido do vehículo e trasladalo ata a ambulancia.

Tras caer polo terraplén, o vehículo quedou á beira dun río, aínda que sen chegar a somerxirse, polo que o condutor estaba liberado e perfectamente accesible.

Foi o propio ocupante do turismo quen ao fío das 9 desta mañá contactou co 112 Galicia para pedir axuda. Indicou que tiña unha forte dor no peito e que apenas lembraba onde se atopaba porque cría que perder a consciencia.

Finalmente, o vehículo foi localizado nun desnivel da LU-751, entre o Chao do Pousadoiro e a Fonsagrada.