Unha Mesa de Traballo sobre Incendios Forestais no Consello Forestal de Galicia sen cadeiras

Este comunicado de prensa de Amigos da Terra, máis ben é unha nota aclaratoria ás recentes declaracións da Conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, Dña. Ángeles Vázquez Mejuto.
Por o 24/10/2017 | Sección: Amigos da Terra,Galicia,Política
Unha Mesa de Traballo sobre Incendios Forestais no Consello Forestal de Galicia sen cadeiras
Compartir en:

A Sra. Conselleira do Medio Rural diante da pregunta dun xornalista de se lle sorprendían as críticas dixo que: “…Sorprenden mucho las críticas. Supongo que de aquí en adelante habrá quien quiera sacar rédito electoral. Lo que digo es que estoy al lado del colectivo, como siempre. Pero si no dijeron nada hasta el 30 de septiembre, por qué ahora salimos con esto”.

Amigos da Terra Galicia lamenta moito esta actitude de enganos e mentiras. O intento de desviar a atención. Non asumir responsabilidades. Non dicir a verdade. Non buscar solucións, que as hai…

Desde a súa creación, Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se creou o Consello Forestal de Galicia, Amigos da Terra, ao traveso do seu vogal Xosé Santos Otero, fixo dentro do Consello Forestal todo tipo de propostas, reiteradamente solicitouse de palabra nas sesións do Consello Forestal e por escrito en rexistro público a creación dunha Mesa de Traballo sobre Incendios Forestais no Consello Forestal de Galicia. A última solicitude de creación da devandita mesa así como propostas e queixas pola falla de políticas axeitadas de prevención de incendios para os montes e os ecosistemas de Galicia rexistrouse o 10 de xullo de 2017. A Conselleira do Medio Rural é a Presidenta e preside sempre as poucas xuntanzas que ten o Consello Forestal.

Solicitudes, escritos e queixas que se ten realizado tamén aos xefes territoriais, xefes de servizo…o silencio lamentablemente sempre foi a resposta dada por todos estes responsables políticos da Xunta de Galicia. Unha actitude pouco democrática e de falla de respecto aos representantes sociais de Galicia.

Amigos da Terra ten coñecemento de que houbo outras organizacións integrantes do Consello Forestal que tamén realizaron a creación da Mesa de Traballo sobre Incendios Forestais para tratar de buscar solucións a longo prazo a este cancro que xa dura máis de medio século.

Achégamos no arquivo a última solicitude realizada a Conselleira do Medio Rural así como ao xefe territorial da súa consellería en Ourense. Teñen a súa disposición os escritos rexistrados e dirixidos nos últimos anos para demostrar que si se ten solicitado e aportado propostas para loitar contra os incendios.

Observando as declaracións da Sr. Conselleira, unha de dúas, ou non funciona o procedemento administrativo e non chegan os escritos rexistrados en rexistro público, ou o gabinete da Sra. Conselleira non a informa das demandas dos representantes dun órgano colexiado como é o Consello Forestal, mais é bo lembrar que ela sempre está presente nas reunións do Consello Forestal polo que si sabe das demandas dos vogais que representamos as distintas organizacións do sector forestal de Galicia.