Unha mirada comparativa á obra das poetisas Helena Kolody e Idea Vilariño

A tese realizouse cotutelada entre a UVigo e a Unioeste-Brasil
Publicado por o día 20/05/2020 na sección de Cultura,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha mirada comparativa á obra das poetisas Helena Kolody e Idea Vilariño

A poetisa Helena Kolody naceu en 1912 en Brasil, filla de pais inmigrantes ucranianos; Idea Vilariño, tamén poeta, foi nada en Montevideo en 1920, filla de inmigrantes galegos no Uruguai. A pesar de que as une o mesmo eido creativo e a mesma época, os diferentes países nos que viviron e as orixes familiares tan distantes xeraron tamén diferentes proxeccións no ámbito literario. Precisamente en comparar ambas autoras e as súas obras céntrase a tese de doutoramento de Cristian Javier López, dirixida polas profesoras Carmen Luna, da Universidade de Vigo e Terezinha da Conceição Costa-Hübes, da Universidade Estadual do Oeste do Paraná/Unioeste-Brasil.

Baixo o título Idea Vilariño (Uruguay) y Helena Kolody (Brasil): cantos a la vida – encuentros poéticos en América Latina, o propósito fundamental da investigación, explica o seu autor, “foi analizar o proceso de confluencia entre a poesía e a música na contemporaneidade”, un propósito que se concretou na análise comparativa das obras destas dúas poetas sudamericanas. O traballo de investigación comprendeu unha revisión bibliográfica “para entender a complexidade da produción de cada unha das poetas”, cuxa interpretación necesitou, como remarca o autor, “a revisión crítica de varios conceptos tanto da área de literatura, teoría literaria, cultura hispánica e brasileira, literatura comparada, así como nocións importantes da área da música”. Con todo isto, Cristian Javier López tratou de establecer “as principais aproximacións e distanciamentos entre estas producións latinoamericanas de autoría feminina”.

As obras de Idea Vilariño, máis comprometidas política e socialmente

A investigación de López centrouse en explorar dous eixos fundamentais: un de carácter musical e outro político e cultural. No que se refire ao aspecto musical, o investigador analizou a relación entre poesía e música, así como a musicalidade nos poemas das autoras. Para isto traballou na análise das obras, “revelando o seu carácter musical a nivel temático, estrutural e teórico”. Nestas análises foron utilizadas, entre outras, “as consideracións da autora uruguaia sobre os grupos simétricos en poesía e a masa sonora do poema, conceptos expostos nas súas obras homónimas”.

O eixo de traballo relacionado co aspecto político e cultural centrouse en estudar a posición das mulleres creadoras “nunha sociedade patriarcal”, analizando a produción poética destas dúas escritoras sudamericanas, “que tiveron distintas recepcións por parte da crítica literaria dos seus países e tamén diferentes proxeccións no ámbito literario”. Para isto, o investigador pon en valor a súa posición “como mulleres latinoamericanas nun contexto híbrido e a súa visión ante determinados acontecementos históricos contemporáneos a elas”. O traballo de investigación colocou en evidencia o contexto histórico, social, económico e cultural no cal se formaron as poetas Helena Kolody, filla de inmigrantes ucraínos en Brasil, e Idea Vilariño, filla de inmigrantes galegos en Uruguai. Precisamente ese contexto é o que “lles proporcionou ás poetas o achegamento ou o distanciamento a certas temáticas, como as cuestións políticas, a sexualidade, o erotismo, o combate ao imperialismo norteamericano no continente; bastante contundentes nas producións da poeta uruguaia e ausentes, en gran medida, nas manifestacións poéticas da escritora brasileira”.

Recuperar as voces que non tiveron o merecido recoñecemento

O investigador tamén reflexiona sobre a falta de recoñecemento que aínda sofren moitas mulleres escritoras latinoamericanas, nun contexto cultural que “foi construído sobre as bases do patriarcado e do colonialismo, que seguiu as pegadas do falocentrismo e da discriminación étnica racial”. Isto provocou a “marxinalización” de determinados grupos, como “negros, mulleres ou indíxenas” na contorna literaria e poñer as súas obras en valor, lembra López, é “unha tarefa que demanda esforzo e dedicación, para recuperar as voces que non tiveron o merecido recoñecemento”.

A experiencia dun doutoramento internacional

A tese de Cristian Javier López ten selo internacional, xa que foi elaborada a cabalo entre ambas beiras do Atlántico grazas a un convenio de cotutela asinado entre a Universidade de Vigo e a Universidade Estadual do Oeste do Paraná/Unioeste-Brasil, con dous programas de doutoramento implicados: Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios (UVigo) e Programa de Pós-graduação em Letras – nível de Mestrado e Doutorado, Área de concentração: Linguagem e Sociedade:, linha de pesquisa ‘Linguagem literária e interfaces sociais: estudos comparados’ (Unioeste).

Esta foi a unha experiencia que o xa doutor valora moi positivamente, porque lle permitiu “ademais do crecemento académico –grazas á participación activa en todas as accións e esixencias dos dous programas de posgrao involucrados– a oportunidade de contacto con profesores e administrativos das institucións quen axudaron, de maneira positiva, no establecemento desta cotutela”. López tamén agradece o apoio da EIDO da UVigo e da ARI-Unioeste e convida “a todos e todas a participar deste tipo de mobilidade estudantil que, ademais de xerar vivencias académicas inesquecibles, establece fortes vínculos entre as institucións con vistas á internacionalización”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.