Unha mostra recupera na FFT a memoria das pioneiras da interpretación da primeira metade do século XX

Integrada por reproducións de fotografías, documentos e películas e fontes históricas
Publicado por o día 25/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha mostra recupera na FFT a memoria das pioneiras da interpretación da primeira metade do século XX

Aínda que a presenza das mulleres nos labores de interpretación ten representantes anteriores ao século XX, é a partir sobre todo do ano 1950, coa consolidación da profesión, que se rexistra unha crecente feminización desta actividade. “A historiografía convencional ocupouse pouco dos intérpretes e aínda menos das intérpretes, así que nos pareceu acaído co gallo do I Congreso Internacional Traducción y sostenibilidad cultural: sustrato, fundamentos y aplicaciones, celebrado en Salamanca o ano pasado, poñer de relevo o papel da muller na protohistoria da profesión de intérprete”, explica Jesús Baigorri, docente da USAL e xunto a Críspulo Travieso e Cristina Zelich, comisario da exposición Intérpretes pioneiras (1900-1953): deitando pontes, que desde hoxe se pode visitar na sala de estudo da Facultade de Filoloxía e Tradución. Tras amosarse en Alacante e Canarias, e antes de presentarse nos próximos meses nas institucións europeas en Bruxelas, a mostra, integrada por reproducións de fotografías, de documentos e de películas cinematográficas, así como de fontes históricas orixinais, recala na FFT, onde en paralelo se celebrará un ciclo de dous seminarios centrados na historia da interpretación e o papel da muller nela.

A mostra centra a súa atención en mulleres cuxa presenza como intérpretes desenvolveuse en contornas moi diversas, incluso en acontecementos tan coñecidos como a I e a II Guerra Mundial, as conferencias de paz da Sociedade de Nacións, a Guerra Civil española, o proceso de Núremberg, o nacemento das Nacións Unidas ou o da Unión Europea. “Esta actividade, maioritariamente masculina ao longo da primeira metade do século XX, serviu de preludio a unha época de crecente feminización da profesión de intérprete, que se empezará a manifestar de forma moito máis clara a partir da consolidación da profesión nos anos 1950”, detalla Baigorri, que sinala que as imaxes e documentos que integran a mostra abranguen un período aproximado de cincuenta anos, desde o comezo do século XX, ata a creación da Association internationale des interprètes de conférence (AIIC) en 1953, “que simboliza o recoñecemento social e a maioría de idade da interpretación como profesión, de acordo ao canon xestado esencialmente en Europa”, explica o docente e investigador do Departamento de Traducción e Interpretación de la Universidad de Salamanca.

No acto de inauguración da mostra, celebrado esta mañá, o director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo, Xosé Mahou, lembrou o compromiso da Universidade de Vigo coa igualdade de xénero, aínda que sinalou que as institucións académicas seguen a ser “institucións claramente patriarcadas”. Pola súa banda, o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, e a concelleira de Medio Ambiente do Concello de Vigo, Nuria Rodríguez, gabaron “a valentía e profesionalidade” das intérpretes, nunha contorna histórica e social complexa, mentres que o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, Luis Alonso Bacigalupe, fixo o propio con Jesús Baigorri, ao que se referiu como “o máis grande historiador da interpretación”.

Unha mostra única en Vigo polas achegas da colección Icoti

O contido da exposición amosa á muller como unha excepción, que desenvolvía a súa actividade nunha contorna esencialmente masculina (conferencias diplomáticas, guerras, procesos xudiciais, etc.), mesmo con exemplos moi temperáns na I Guerra Mundial e na Unión Soviética. “É interesante sinalar que entre os aproximadamente 200 intérpretes que acompañaron aos asesores soviéticos a España en axuda da República durante a Guerra Civil española a metade foron mulleres, unha cifra excepcional para a época”, destaca Baigorri, que lembra que unha desas mulleres, que aparece retratada na exposición, foi Lydia Kúper, unha intérprete polaca que chegou de nena a Vigo coa súa familia fuxindo da Guerra Civil rusa.

A mostra que se pode visitar en Vigo presenta unha importante novidade, respecto da que se puido ver en Salamanca, Alacante ou Canarias, e é a incorporación á mesma de novos materiais procedentes da colección Icoti do docente e investigador da FFT Anxo Fernández e que está integrada por máis de 300 documentos, obxectos e representacións iconográficas sobre a imaxe pública da persoa tradutora ou intérprete. “Anxo Fernández xa prestara un bo número de fotografías e algúns documentos para a exposición de Salamanca, pero agora se incorporan materiais non expostos en edicións anteriores, que teñen un valor engadido e singular, respecto ao expostos orixinalmente”, detalla o comisario da mostra, que anima ás persoas que se acheguen a ela a apreciar o valor simbólico que ten recuperar e preservar a memoria dalgunhas das intérpretes que aparecen na exposición e das que só dúas da exposición presentada en Salamanca aínda seguen vivas. “As intérpretes que aparecen nas fotografías como telefonistas, as da Guerra Civil española ou as de Núremberg poden tal vez ser motivo de reflexión para os espectadores da mostra, aínda que a este comisario impresiónalle moito ver os cortes de vídeo da Comintern de 1928 e de 1935 en Moscú”, asegura Baigorri.

Comentar noticia

Your email address will not be published.