Unha muller excarcerada tras unha colisión entre un coche e un camión en Ourense

Por o 08/04/2018 | Sección: Sucesos
Unha muller excarcerada tras unha colisión entre un coche e un camión en Ourense

Unha muller resultou ferida a pasada noite en Ourense despois de que o coche no que viaxaba chocara contra un camión. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polos bombeiros da cidade, ao quedar atrapada no interior do vehículo, no que circulaba, ademais, outra persoa.

O accidente ocorreu na Avenida de Santiago, ao fío das 4:05 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta do sinistro a través dun particular.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Ourense e á Policía Local.

Turismo envorcado

Por outra banda, en Neda, os servizos sanitarios de emerxencia atenderon a unha persoa que resultou ferida ao envorcar o coche no que circulaba. Neste caso, a vítima tamén tivo que ser excarcerada e foi trasladada a un centro médico unha vez liberada.

O accidente sucedeu no punto quilométrico 1,400 da AC-115, ás 19:45 horas. O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta dun particular, e decontado, dende o CIAE púxose a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Ferrol, de Protección Civil, da Garda Civil de Tráfico, do GES de Mugardos e da Policía Local.