Unha muller falece ao ser atropelada por un camión tras sufrir un accidente na AP-9, en Portas

Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Sucesos

Unha muller falece ao ser atropelada por un camión tras sufrir un accidente na AP-9, en Portas

Unha muller perdeu a vida esta tarde nun accidente de tráfico ocorrido na AP-9, no termo municipal pontevedrés de Portas.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o turismo no que viaxaba a vítima mortal saíuse da vía no punto quilométrico 112 da autoestrada, sentido sur. Nese momento, ao saír do vehículo, a muller foi atropelada por un camión que circulaba no mesmo sentido e, desgraciadamente, perdeu a vida.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 13:30 horas, a través da alerta dun particular.

A partir de aí, dende o 112 Galicia se requiriu a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, do GES de Valga, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e dos Bombeiros de Vilagarcía.

Unha vez no lugar do accidente, os efectivos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida á muller.

Debido ao accidente, un carril da autoestrada permaneceu pechado ao tráfico ata ás 16:30 horas, momento en que as condicións de seguridade na vía quedaron restablecidas.

Tres feridos
Por outra banda, en Sandiás, unha colisión entre dous coches saldouse con tres persoas feridas. Segundo puido saber o 112 Galicia, unha das vítimas tivo que ser liberada polos Bombeiros de Xinzo, que cortaron unha porta dun dos turismos accidentados para que a persoa ferida puidese saír do vehículo.

O sinistro ocorreu na OU-531, á altura da parroquia de Couso de Limia, ao fío das 12:15 horas.

Foi o 061-Urxencias Sanitarias quen alertou ao 112 Galicia do accidente. Acto seguido, o persoal do 112 Galicia pasaba o aviso aos Bombeiros de Xinzo, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.

Finalmente, as tres persoas feridas no accidente foron trasladadas a un centro médico polos efectivos sanitarios.