Unha muller ferida ao caer o coche no que circulaba á vía férrea en Redondela

Publicado por o día 28/05/2020 na sección de Galicia,Redondela,Sucesos

Unha muller ferida ao caer o coche no que circulaba á vía férrea en Redondela

Unha muller resultou ferida despois de que o coche no que viaxaba caese á vía de trens na parroquia de Cesantes, en Redondela.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o turismo rematou apoiado sobre as catro rodas na liña férrea e os servizos de emerxencia desprazados puideron liberar á muller a través da porta do maleteiro do vehículo. Unha vez fóra do turismo accidentado, a vítima foi trasladada polos servizos sanitarios.

Foi unha persoa particular quen alertou do sinistro ao 112 Galicia, ao fío das 7:35 horas. Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico, ao Servizo de Emerxencias e Extinción de Incendios de Redondela, aos Bombeiros do Morrazo e de Vigo e a Protección Civil.

Arestora, a forzas da orde xestionan a retirada do vehículo das vías.

Colisión múltiple

Por outra banda, en Miño, unha colisión entre tres coches saldouse cun home ferido, que foi trasladado a un centro médico.

O accidente tivo lugar na estrada que une Miño e Pontedeume, nas proximidades da praia Grande de Miño.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do accidente ás 20:10 horas. A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e dos Bombeiros de Betanzos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.