Unha muller ferida en Santiago despois de ser atropelada por un autobús

Publicado por o día 27/03/2018 na sección de Sucesos

Unha muller ferida en Santiago despois de ser atropelada por un autobús

Unha muller resultou ferida onte en Santiago de Compostela tras ser atropelada por un autobús urbano que circulaba pola Rúa da Rosa.

Sobre as 19:00 horas, persoal do 061-Urxencias Sanitarias informaba do suceso ao 112 Galicia. Tras recibir o aviso, dende o CIAE informouse dos feitos á Policía Local, aos Bombeiros da cidade e aos efectivos de Protección Civil.


A muller foi trasladada polo persoal sanitario ao Centro Hospitalario da Rosaleda.

Choque na Autovía

Un accidente entre un coche e un camión afectou á circulación provocando retencións entre os vehículos que circulaban –neses intres- pola A-55, á altura de Mos, sen causar danos persoais de gravidade. Tampouco a vía precisou ser interrompida ao tráfico.  Afortunadamente,  só unha muller -do vehículo implicado- precisou ser atendida polos servizos sanitarios de urxencia, tras sufrir unha crise de ansiedade debido ao impacto.

O accidente ocorreu sobre as 20:00 horas da tarde pasada,  á altura da saída 306 da Autovía, en Sanguiñeda. Foi un dos implicados quen, sobre esa hora, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Aseguraba que non había feridos e que todas as persoas estaban fora dos vehículos.

Ata o lugar, tras ser alertados polo 112 Galicia, achegáronse ademais do persoal sanitario, os axentes de Tráfico e o persoal de mantemento da vía. Os Bombeiros de Baixo Miño e os membros de Protección Civil tamén foron informados do suceso.

Un incendio calcina dous alpendres en Fene

Un incendio calcinou esta madrugada dúas bodegas no lugar do Souto da Ribeira, en Maniños, na localidade coruñesa de Fene.

Os Bombeiros de Ferrol e os membros do GES de Mugardos que acudiron ao punto, tras ser alertados polo 112 Galicia, confirmaron que o lume se iniciou nunha das bodegas  que era utilizada  como taller, así mesmo,  outra bodega anexa á primeira con palla almacenada no seu interior tamén foi arrasada polas lapas. O que si puideron salvar os membros de extinción foi unha terceira anexa ás anteriores,  onde había un tenreiro e herba seca acumulada.

Ao fío das 05:00 horas, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia recibía a chamada do mesmo do mesmo propietario dos alpendres.  Indicaba que precisaba axuda  porque lle estaba ardendo a bodega.

A partir de aí, os profesionais do CIAE alertaron  aos servizos de extinción que decontado se desprazaron ao punto. Do mesmo xeito,  puxeron os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade.

O lume foi extinguido na súa totalidade.