Unha muller foi evacuada con síntomas de intoxicación pola mala combustión dunha bombona

Publicado por o día 02/01/2018 na sección de Sucesos

Unha muller foi evacuada con síntomas de intoxicación pola mala combustión dunha bombona

Unha veciña de Camariñas foi trasladada esta mañá ao Hospital Virxe da Xunqueira por mor dunha posible intoxicación por monóxido de carbono provocado pola mala combustión dunha bombona.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, a muller sufriu un esvaecemento que fixo sospeitar sobre unha posible intoxicación por inhalación dalgún gas no domicilio, así, en canto os servizos de emerxencias puideron acceder á vivenda, realizaron as correspondentes medicións, que confirmaron a concentración de monóxido de carbono.

Foi unha veciña quen contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia despois de escoitar os berros da muller afectada, que tendida no chan, era incapaz de abrir a porta.

Sucedeu ás 8:30 horas de hoxe nun piso da Ponte do Porto, no concello coruñés de Camariñas e ata alí se desprazou un equipo de Urxencias Sanitarias, así como os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Cee e as forzas da orde.