Unha muller foi localizada sen vida e outra evacuada con síntomas de hipotermia tras o desbordamento do Río en Ponte Labrada, Viveiro

Por o 19/11/2018 | Sección: Sucesos
Unha muller foi localizada sen vida e outra evacuada con síntomas de hipotermia tras o desbordamento do Río en Ponte Labrada, Viveiro

Unha muller faleceu a pasada noite nunha vivenda da rúa Xunqueira, en Viveiro, a causa da chuvia intensa e súbita que provocou o desbordamento do Río en Ponte Labrada. Ademais, a filla da muller falecida foi trasladada con síntomas de hipotermia a un centro hospitalario.

A forte tromba de auga provocou que moitas casas, garaxes e baixos comerciais se visen afectados, o que condicionou a intervención dos servizos de emerxencias debido ás dificultades para acceder ás vivendas e comprobar o estado das persoas.  De feito, dadas as dificultades, os membros do GRUMIR e os Bombeiros de Viveiro tiveron que abrir unha claraboia e descolgarse para acceder á vivenda onde foron atopadas a muller falecida e a súa filla.

Cabe destacar que no CIAE-112 xestionáronse unha vintena de incidencias relacionadas coas intensas choivas que afectaron ao termo municipal lucense de Viveiro e atendéronse unhas trinta chamadas de particulares. Unha das zonas máis afectadas foi a do convento de Valdeflores, concretamente na rúa Real, desde onde se recibiron alertas por xente illada nas vivendas.

Así, desde o 112 Galicia activouse un operativo no participaron os Bombeiros de Viveiro e de Barreiros, o GRUMIR, a Policía Local e Nacional e as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Viveiro, O Vicedo e Ourol.

Comentar noticia

Your email address will not be published.