Unha muller quedou inconsciente tras ser atropelada por un turismo na Coruña

Publicado por o día 19/01/2018 na sección de Sucesos

Unha muller quedou inconsciente tras ser atropelada por un turismo na Coruña

Os servizos sanitarios de urxencia atenderon esta mañá a unha muller duns 70 anos de idade que quedou inconsciente despois de ser alcanzada por un turismo na Coruña.

Ocorreu pasadas as once desta mañá na Rúa Pablo Picaso, á altura dun supermercado. Como consecuencia do impacto, a muller sufriu un síncope, polo que foi atendida polos profesionais sanitarios que chegaron ao lugar nunha UVI móbil.

Pola súa banda, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisou aos axentes da Policía Local e aos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento da Coruña, aínda que a persoa estaba liberada e accesible.

Dous feridos en Vilagarcía
Este foi un dos catro atropelos que se rexistraron en Galicia no intervalo dunha hora. Outro rexistrouse por escasos minutos de diferenza en Vilagarcía, onde un ciclista atropelou a un peón, concretamente no lugar de Vilaxoán.

Neste caso, os profesionais de Urxencias Sanitarias tiveron que trasladar a dúas persoas feridas, o peón e o condutor da bicicleta, ao Hospital do Salnés.

Atropelo en Vigo
Tamén en Vigo, unha muller tivo que ser atendida despois de ser alcanzada por un turismo na Rúa Manuel Lago Lago, en Vigo.

Foi un particular quen se puxo en contacto co 112 Galicia arredor das once desta mañá. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pediuse a colaboración dos axentes da Policía Local e dos bombeiros da cidade.

Accidente en Cambados
Por último, en Cambados, outra muller duns 50 anos resultou atropelada na Praza de Fefiñáns.

Ocorreu sobre as 11:30 horas e ata o lugar acudiu un equipo de Urxencias Sanitarias, ademais da Policía Local, alertada polo persoal do 112 Galicia.