Unha noite na praia, con Carlos Blanco e Touriñán, no Teatro Afundación de Vigo

Este novo espectáculo de humor poderase ver mañá venres 6 de setembro ás 21.00 h
Publicado por o día 05/09/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Unha noite na praia, con Carlos Blanco e Touriñán, no Teatro Afundación de Vigo

Despois do éxito na billeteira de Somos criminais, Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán regresan ao Teatro Afundación de Vigo co seu novo espectáculo de humor, Unha noite na praia. Poderase ver mañá venres 6 de setembro a partir das 21.00 h. As entradas pódense adquirir na web Ataquilla.com.

Unha noite na praia é unha comedia de dous personaxes. Dous tipos moi distintos que coinciden á tardiña nunha praia fronte ao mar. Klaus e Manuel, un sueco e un galego, «que se parecen o mesmo que o restaurante do Ikea a un furancho de aldea».

Na praia non queda ninguén, só Manuel, que traballa no chiringuito, e Klaus, un turista que non se quere levantar da última hamaca que queda por recoller. Así arranca o conflito entre estes dous tipos: un quere marchar á súa casa a durmir, e o outro quere que lle poñan a última cervexa e un ombreiro para chorar as penas polo seu corazón roto.