Unha nova aproximación á inspección de infraestruturas con drones desenvolvida na UVigo gaña a fase rexional galega do Galileo Masters

O reitor e o delegado de Zona Franca presidiron hoxe a entrega do galardón
Publicado por o día 11/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha nova aproximación á inspección de infraestruturas con drones desenvolvida na UVigo gaña a fase rexional galega do Galileo Masters

Como “un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos cinco anos en temáticas como os sistemas de navegación e os vehículos aéreos non tripulados” valora o docente e investigador da UVigo Higinio González Jorge o premio acadado por Contact-Drone na fase rexional do concurso internacional de innovación Galileo Masters, no que compiten proxectos de desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite na procura dos mellores servizos, produtos e innovacións que utilicen a navegación por vía satélite na vía cotiá. Contact-Drone, o proxecto premiado na fase rexional do certame internacional, promovido pola Axencia Espacial Europea, a Axencia Europea GNSS, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio Federal Alemán de Transportes e Infraestruturas Dixitais, é, segundo o docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “unha nova aproximación á inspección de infraestruturas con drones. Pensamos que é unha novidade, porque permite realizar inspeccións de grandes estruturas dunha forma diferente e accedendo a datos que nas inspeccións tradicionais non se fan, permitindo obter medidas, por exemplo, con sensores de ultrasóns, que dan información sobre o estado interno da estrutura”. Nacido hai tres anos, Contact-Drone deriva da tese de doutoramento de Luis Miguel González de Santos, “cuxa achega foi fundamental para o desenvolvemento do proxecto e sen o que non poderíamos acadar este premio”, explica González, e nel tamén participa o docente e investigador da UVigo Joaquín Martínez Sánchez.

O xurado dos coñecidos como “Óscar do Espazo” decidiu premiar a idea de negocio de Contact-Drone baseada nos servizos do satélite europeo Galileo, ao considerar que amplía o campo de aplicación das tecnoloxías de navegación ao sector da construción, ademais de que promoverá novos empregos de alto valor engadido. Por mor das restricións derivadas da pandemia, o equipo de Contact-Drone non puido asistir á cerimonia de entrega de galardóns, polo que hoxe nas instalacións de Zona Franca en Bouzas, o seu delegado, David Regades, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, procederon a entregarlles o corresponde diploma. O reitor amosou o seu agradecemento a Zona Franca “pola súa aposta decidida polo talento, que é algo que para nós como Universidade de Vigo é fundamental. Que o noso talento agrome e que sexa quen de facer cousas importantes desde o punto de vista social”, sinalou Reigosa. Pol súa banda, David Regades destacou que “un proxecto como este para nós é un sinal de identidade. É economía, industria e coñecemento e neste caso ademais dámoslle un dos aloxamentos de Zona Franca a este proxecto que nace aquí como idea e que antes do que todos pensamos se converterá nunha empresa na que se xerará emprego e riqueza”, dixo o delegado.

Unha empresa xa constituída para dar servizo a principios do vindeiro ano

Máis alo das inspeccións con drones, utilizando cámaras de espectro visible, infravermello cercano e infravermello térmico, que se realizan na actualidade para o mantemento de grandes estruturas como presas, parques eólicos, pontes ou edificios, “Contact- Drone presenta unha carga útil que permite un contacto suave e robusto entre o drone e a estrutura. Deste xeito é posible traballar con tecnoloxía de inspección como ultrasóns ou resistivímetros e obter información máis aló do estado superficial da estrutura”, sinala Higinio González, que se refire a Contact-Drone como unha tecnoloxía disruptiva que pode revolucionar o sector da inspección industrial en altura e contribuír ao uso masivo de drones neste tipo de tarefas.

Canalizado a través dunha start-up chamada Unmanned Galicia S.L, que xa está constituída e en vías de darse de alta como operadora de drones, o proxecto espera comezar a dar servizo orientado á inspección de infraestruturas e edificios, con cámara RGB e termográfica, a principios de 2021. Mentres, os servizos de inspección avanzada, como os relativos á inspección de contacto con ultrasóns ou medicións de resistividade, agardan os promotores do proxecto, comezar a prestalos cara a finais do vindeiro ano.

Outros proxectos da UVigo, gañadores de pasadas edicións do concurso

A participación do persoal investigador da UVigo neste concurso ten acadado importantes éxitos en pasadas edicións. Na de 2019 o proxecto CX-Geodrone resultou gañador destes Space Oscar na categoría de mellor idea do ano. A proposta, impulsada polas universidades de Vigo e de Oviedo, foi elixida entre 300 iniciativas emprendedoras de toda Europa baseadas na navegación por satélite. O proxecto, no que por parte da UVigo estaba implicado o grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas -integrado dentro do centro de investigación atlanTTic- propuña instalar sensores radar en drones en voos a baixa altura, unha sensórica que abre todo un novo abano de posibilidades de uso.

En anteriores edicións, os proxectos vigueses tamén se fixeron con premios na fase rexional galega do concurso.

Comentar noticia

Your email address will not be published.