Unha nova empresa presta servizo de Axuda no fogar na Guarda

O Concello da Guarda ven de mellorar o servizo de axuda no fogar SAF grazas á contratación dunha nova empresa que presta este servizo xunto co persoal municipal de Servizos Sociais.

O servizo de axuda no fogar (SAF) é un servizo público de carácter local consistente en ofrecer un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual.

Poderán acceder ao servizo as persoas que teñan recoñecido este dereito a través do sistema de atención á dependencia ou ben, na modalidade de libre concorrencia, aquelas persoas para as que resulte un recurso idóneo, de acordo coa valoración técnica correspondente.

Os principais obxectivos do SAF son: mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual, favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio, previr situación de dependencia ou exclusión e retardar ou evitar a institucionalización.

A xestión do servizo é mixta, contando con persoal propio (10 auxiliares de axuda no fogar) e dunha empresa que atende os casos que son derivados dende os servizos sociais comunitarios.

No mes de agosto de 2018 o contrato de prestación do servizo de axuda no fogar foi adxudicado a empresa Alento Servizos.

Actualmente 67 persoas son beneficiarias do servizo, 41 na modalidade de dependencia (1581 horas prestadas mensualmente), e 26 en réxime de libre concorrencia, (471 horas prestadas mensualmente). Permanecen en lista de agarda 28 persoas na modalidade de dependencia e 10 en libre concorrencia.

A maiores, no Concello da Guarda, préstase o servizo de Xantar na Casa, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O Xantar na Casa constitúe un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes, que non poden valerse por si mesmas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

As persoas que precisen de calquera destes servizos poden dirixirse ao departamento de servizos sociais comunitarios.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM