Unha nova empresa súmase ao polígono de Barro que conta xa con preto do 60 % da superficie ocupada

Transfrío Rías Baixas S. L. ocupará unha parcela de 3.071,74 m 2 para servizos de loxística de movemento de peixe e marisco fresco, empaquetado e paletizado
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Unha nova empresa súmase ao polígono de Barro que conta xa con preto do 60 % da superficie ocupada

O deputado provincial Carlos López Font asinou con representantes da empresa Transfrío Rías Baixas S. L. a escritura pública de constitución dun dereito de superficie sobre unha parcela do polígono empresarial de Barro. Trátase dunha superficie de 3.071,74 metros cadrados, que a compañía pontevedresa vai utilizar para a prestación de servizos relacionados coa loxística de movemento de mercancías, sobre todo de peixe e marisco fresco, empaquetado e paletizado.

Con esta nova sinatura, na actualidade o polígono de Barro conta con algo máis de 146.000 metros cadrados ocupados. En total, esta infraestrutura da Deputación conta cunha superficie de 258.436 metros cadrados, dos cales, trala sinatura de Transfrío Rías Baixas S. L., o 56,5 % están xa ocupados.

Nestes momentos, contan con parcelas no Polígono de Barro empresas como Distribuciones Froiz, EDF Solar, CAENOR, Gasóleos Xeve, GESCOGRA, Mariscos Alumar, González Cerqueiro, Frutas Moncho, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, BALVALEN, Áridos de Curro, TC Group Atlántico e Estación Servizo Low Cost. Ademais das parcelas de solo industrial, o polígono tamén inclúe un centro de servizos de apoio empresarial e o viveiro de empresas da Deputación de Pontevedra.

A través do polígono de Barro, a institución provincial pretende satisfacer a demanda de solo industrial na provincia, sobre todo no entorno das áreas urbanas, para impulsar un desenvolvemento económico equilibrado.