Unha nova Orde permitirá a usuarios de residencias e familiares denunciar ante a Xunta as deficiencias dos centros

O obxectivo é mellorar os procedementos de inspección para actuar cada vez con máis rapidez e contundencia fronte aos incumprimentos
Publicado por o día 13/05/2020 na sección de Social,Xunta de Galicia

Unha nova Orde permitirá a usuarios de residencias e familiares denunciar ante a Xunta as deficiencias dos centros

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno galego iniciará nos vindeiros días a tramitación dunha nova orde que reforzará o labor inspector ao facilitar que as persoas usuarias das residencias e as súas familias poidan presentar directamente á Xunta as súas queixas e denuncias e axilizar a súa resposta.

Fabiola García sinalou que esta medida procura continuar co obxectivo da Xunta de mellorar os procedementos de inspección para actuar cada vez con máis rapidez e contundencia fronte aos incumprimentos. Tamén responden a este compromiso outras iniciativas como a posta en marcha de campañas específicas para asegurar que as residencias respecten o patrimonio dos usuarios, garantir o cumprimento do réxime de prezos estipulado pola administración, para evitar que se facture indebidamente por extras ás familias e a futura actualización da normativa que regula os centros de atención ás persoas maiores.

Neste sentido, a conselleira apuntou que o Plan de inspección para 2020 prevé realizar máis de 1500 a centros de servizos sociais, un 20% máis das programadas o ano pasado. No que vai de lexislatura e ata o inicio desta crise, abríronse 33 expedientes sancionadores a residencias de maiores e pecháronse dous centros. Xa durante a pandemia os inspectores de servizos sociais acudiron a outros 37 centros e incoaron catro expedientes sancionadores.

Anticipación, transparencia e contundencia

Fabiola García defendeu a xestión da Xunta nas residencias fronte á falta de acción do Goberno central, que desatendeu estes centros pese a ter asumido o mando único nesta emerxencia sanitaria. Así, explicou que a actuación do Executivo galego fundamentouse en tres premisas. A primeira delas foi a anticipación, posto que a Xunta limitou as visitas nestes centros antes de que o Goberno central declarase o estado de alarma e contou cun protocolo de actuación antes de que o Ministerio de Sanidade elaborase un para toda España.

A segunda foi a da transparencia ao dar a coñecer diariamente o número de contaxios e falecementos, pola contra o Executivo central non fixo públicos estes datos que as comunidades lle facilitan desde hai máis dun mes. E a terceira premisa consistiu na contundencia, ao asumir a autoridade sanitaria a tutela de todas as residencias, coa intervención de centros nos que o avance do virus puxera en risco a calidade asistencial e coa creación de residencias integradas para atender a persoas maiores contaxiadas.

Recoñecemento aos profesionais

A conselleira de Política Social gabou o traballo do persoal dos centros residenciais para frear o virus. Estes centros foron reforzados por 1013 profesionais de centros de día, de centros de educación especial ou doutros ámbitos. Dentro da estratexia da Xunta para combater esta pandemia tamén subliñou que se fixeron probas ao 100% dos usuarios das residencias.

Con estas medidas —segundo as estatísticas feitas públicas polos medios de comunicación— Galicia sitúase como a quinta Comunidade Autónoma de España con menos falecementos en relación ás prazas de maiores e a segunda onde menos penetrou o coronavirus nas residencias. Ademais, a porcentaxe de finados entre usuarios de residencias con respecto ao total de mortes con coronavirus é 18 puntos menor que no conxunto de España.

Comentar noticia

Your email address will not be published.