Unha outra dialéctica para o nacionalismo galego

Opinión por Erik Dobaño
Publicado por o día 22/12/2016 na sección de Opinión

Unha outra dialéctica para o nacionalismo galego

A crónica do último acto do ano do centenario das Irmandades da Fala comeza cunha cita de Ngũgĩ wa Thiong’o, o intelectual keniota, que en 1986 deixou escrito: “Considerarei as realidades de África en función de como se ven afectadas pola gran batalla entre dúas forzas que se opoñen mutuamente na África contemporánea: por unha parte, unha tradición imperialista, e pola outra, unha tradición de resistencia (…) O imperialismo é total: ten consecuencias económicas, políticas, militares, culturais e psicolóxicas para os pobos do mundo hoxe en día”.

As Irmandades non mereceron na Galiza os fastos de Estado cos que Irlanda festexou este ano o centenario da sublevación de Pascua. Aquí non hai Estado que celebrar. A conmemoración das Irmandades xerou certa frustración que resumiu onte Uxío Breogán Diéguez, o historiador, na anécdota dun paseo pola Coruña con estudantes universitarios. “Estaba preocupado polo pouco que retiveran de todo o que se falara nas aulas sobre a profundidade intelectual das Irmandades, ata que chegamos á praza de Azcárraga e non foron quen de identificar os carballos. Se non se coñece o entorno inmediato, como podemos pretender que se comprenda o que significou aquilo das Irmandades”. Ngũgĩ wa Thiong’o escribía en 1986 chamando a descolonizar as mentes advertindo contra “a bomba da cultura” como a arma do imperialismo.

Uxío Breogán Diéguez, que o mes pasado organizou en Compostela o gran congreso do aniversario, rememorou onte na Coruña o pensamento de Antolín Faraldo, quen nos anos corenta do XIX caracterizara ao país coma unha colonia do Reino de España. Faraldo está no substrato das Irmandades, facendo parte do “longo proceso” que segue a liña do Rexurdimento ata as Irmandades. “Que non foron unha illa, pero que inda hoxe nin sequera os especialistas máis sensibles somos quen de comprender que é o que éramos entón para volver a situarnos como mínimo alá onde puidemos estar”.

Sostén o historiador que a nosa identidade como nación estaba daquela “menos erosionada” do que está hoxe e relata o tempo das Irmandades como un tempo de “descubrimento e creación”, dunha densidade intelectual da que dan razón a galeguización do ensino promovida, entre outros, por Viqueira, a fundación de A Nosa Terra, ou o Seminario de Estudos Galegos, coas investigacións de Cuevillas “pescudando as primeiras evidencias científicas dunha realidade galega”. Un esforzo de creación “dunha realidade paraestatal” que tivera como primeiro chanzo a Academia Galega (antes de que se lle impuxera o de Real) onde o idioma foi “central” para “evidenciar a existencia da Galiza nación como suxeito político”.

O Golpe de Estado do 36 foi “un corte profundo” daquel axir na construción nacional que representaran as Irmandades e logo o Partido Galeguista. Por iso, afirma Diéguez, a actividade política e cultural en torno á construción nacional “é hoxe máis herdeira de catro décadas de ditadura españolista” que de todo o que se asocia ás Irmandades e o PG.

“No fondo hai unha pugna entre linguas, entre culturas, unha pugna identitaria. Ao meu ver, a economía non pode ser explicada sen iso primeiro. Non hai sociedade que se poida disociar da súa identidade, e o idioma é o elemento central desa identidade”, explica o historiador prefigurando unha outra dialéctica para o nacionalismo galego de hoxe, tan falto de intelectuais coma de debates históricos e políticos.

“Se falamos de construción nacional, podemos dicir que hai países no marco europeo e no marco atlántico, o caso de Irlanda, que son capaces de crear un estado. Mais foi abandonando a maior parte da súa sociedade seu idioma. Eu non estou interesado niso. Igual por unha cuestión biográfica. Eu nacín en Madrid. Non me chamo por casualidade como me chamo. Sen o afecto á cultura, á identidade, sen entenderme parte dunha identidade e unha cultura determinadas, podería explicar o que eu fago, mesmo por que eu son historiador. E isto ten que ver cos afectos, porque se levamos todo á economía, onde quedan os sentimentos? Se o galeguismo e o nacionalismo galego pasa por facer números, pérdese a batalla entre o que é o proceso de reconstrución nacional e o que é o españolismo”, conclúe.