Unha persoa excarcerada ao chocar o turismo no que viaxaba contra un autobús en Lousame

Publicado por o día 02/04/2018 na sección de Sucesos

Unha persoa excarcerada ao chocar o turismo no que viaxaba contra un autobús en Lousame

Unha persoa resultou ferida esta tarde en Lousame despois de que o coche no que viaxaba chocase contra un autobús. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Boiro, ao quedar atrapada no interior do turismo accidentado.

Segundo puido saber o 112 Galicia, o coche de liña circulaba sen pasaxeiros no momento do impacto e o seu condutor resultou ileso.

O accidente ocorreu na estrada que une San Roquiño e Bealo, na parroquia de Tállara, ao fío das 14:30 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta do sinistro a través dun particular.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Ribeira e de Boiro, aos membros do GES de Brión e a Protección Civil.

Finalmente, a persoa que viaxaba no turismo accidentado foi trasladada nunha ambulancia a un centro hospitalario.

Accidente entre coche e camión
Por outra banda, en Cambre, unha colisión entre un coche e un camión que transportaba vehículos saldouse co condutor do turismo ferido. Sucedeu na saída de Cambre da A-6, sentido Lugo, ás 16:45 horas. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os efectivos de Protección Civil liberaron ao ferido pola porta de atrás do coche.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta do 061-Urxencias Sanitarias. A partir de aí, dende o CIAE púxose a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e dos Bombeiros de Arteixo.