Unha persoa excarcerada tras unha colisión entre dous coches en Arteixo

Por o 24/01/2018 | Sección: Sucesos
Unha persoa excarcerada tras unha colisión entre dous coches en Arteixo
Compartir en:

Unha persoa resultou ferida esta tarde despois de producirse unha colisión entre dous coches en Arteixo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polos bombeiros da localidade ao quedar atrapada no interior do vehículo accidentado.

O accidente tivo lugar na Avenida da Prensa, ao fío das 14:45 horas. Nese momento, un particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro. Indicaba que unha persoa atopábase ferida e inconsciente.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, aos Bombeiros de Arteixo e a Protección Civil.

Turismo envorcado
Por outra banda, en Ames, unha persoa tivo que ser atendida por un equipo do 061-Urxencias Sanitarias ao envorcar o turismo no que viaxaba. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a persoa ferida foi trasladada ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

O accidente produciuse no lugar de Paramuíño, na parroquia de Biduído. O 112 Galicia tivo constancia do sinistro a través da alerta do persoal médico ás 16:00 horas.

A partir de aí, dende o CIAE púxose a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e  dos Bombeiros de Santiago.

Camión accidentado
Por último, un camión colidía cun ferro na A-55, ao seu paso polo Porriño, o que provocou que o depósito de combustible do vehículo se perforase e perdese 300 litros de gasoil. Segundo puido saber o 112 Galicia, parte da vertedura rematou nun regato do río Louro e na cuneta.

O sinistro ocorreu na saída do Polígono das Gándaras, no carril de incorporación á autovía, sentido Vigo.

O 112 Galicia recibía a alerta dos feitos ás 14:25 horas, a través do aviso do camioneiro, que resultou ileso.

Acto seguido, o persoal do CIAE informaba do sucedido á Garda Civil de Tráfico, ao servizo de mantemento da vía, a Protección Civil e aos Bombeiros do Baixo Miño.

Unha vez lugar do accidente, os servizos de emerxencias empregaron material absorbente para reter a vertedura, cuxa mancha alcanzou os 250 metros de extensión.