Unha persoa falece tras ser atropelada en Monforte

Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Sucesos

Unha persoa falece tras ser atropelada en Monforte

Unha persoa resultou falecida esta pasada noite despois de ser atropelada na LU-617, concretamente no punto quilométrico 4, ao seu paso polo concello de Monforte de Lemos, en Lugo.

Uns minutos despois das 21:30 horas, os Bombeiros de Monforte comunicaban ao 112 Galicia a saída do persoal de emerxencias tras ser alertados por mor dun accidente de tráfico.

Decontado, os xestores de emerxencias puxeron en alerta ao Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos axentes da Garda Civil de Tráfico. Así mesmo, púxose o suceso en coñecemento do persoal da Policía Local e Protección Civil da localidade.

A pesar dos esforzos dos servizos sanitarios desprazados ata ao punto, só puideron confirmar o falecemento da persoa.

Saída de vía en Lousame

Ademais, dúas persoas foron evacuadas a pasada tarde, unha delas tivo que ser evacuada en helicóptero, tras caer por unha pendente e quedar encaixado o seu vehículo contra unha vivenda no concello coruñés de Lousame, no lugar de Vilacoba.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente preto das 19:00 horas da pasada tarde, momento no que os servizos sanitarios de urxencia comunicaban a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para asistir aos feridos dun vehículo que acabara de sufrir unha saída de vía.

Axiña, os xestores de emerxencias do CIAE 112 Galicia informaban do sucedido aos Bombeiros de Boiro, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros do GES de Brión. Ademais, solicitouse a colaboración de voluntarios de Protección Civil da localidade.

Unha vez os servizos sanitarios de emerxencia alí desprazados estabilizaron ás persoas, estas foron evacuadas ata o centro hospitalario de referencia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.