Unha persoa faleceu tras ser alcanzada por un vehículo na Pontenova

Publicado por o día 27/09/2019 na sección de Sucesos

Unha persoa perdeu a vida esta mañá despois de ser alcanzada por un vehículo no casco urbano da Pontenova.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro mortal rexistrouse minutos despois das once desta mañá fronte a unha sucursal bancaria da localidade luguesa. Ademais do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros do GES da vila. Sen embargo, nada puideron facer por salvar a vida da persona.

En xeral, está a ser unha mañá accidentada no que respecta á circulación polas diferentes estradas da Comunidade. De feito, a este sinistro mortal temos que engadir outros de menor entidade, pero nos que se rexistraron danos persoais. Así, tres persoas, das cales dous son menores, tiveron que ser atendidas tras producirse unha colisión múltiple na estrada vella de Noia, en Santiago.

Foi o adulto que ía cos pequenos nun dos coches sinistrados quen, pouco antes das dez desta mañá, púxose en contacto co 112 Galicia para pedir asistencia médica debido ao golpe que recibiran.

Deseguido, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, avisouse aos equipos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se encargaron do tratamento e traslado das tres persoas feridas, dous menores e unha muller.

Pola súa parte, os axentes da Policía Local confirmaron que foron, en total, catro os coches implicados no accidente rexistrado, concretamente, na rotonda situada na parte baixa do Hospital Clínico de Santiago.

Choque entre unha furgoneta e un autobús en Antas de Ulla

E non acaba aquí, xa que a tónica da mañanciña continuou nas horas seguintes con máis sinistros, como o localizado en Antas de Ulla, no que unha persoa necesitou asistencia médica tras producirse unha colisión entre unha furgoneta e un autobús destinado ao traslado de peregrinos.

No momento do accidente, a bordo do autocar ían o condutor e dous guías e todos saíron dos vehículos polos seus propios medios. Con todo, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 evacuaron a unha persoa ferida ao centro médico de referencia.

Contra unha formigoneira

Ademais, recentemente, un turismo bateu contra unha formigoneira en Esteiro, Muros. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, no interior do vehículo, hai unha persoa que necesita asistencia médica, por iso, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos profesionais sanitarios, así como o GES de Muros, Policía Local e Garda Civil de Tráfico.

Por último, indicar que un motorista sufriu diversas lesións despois de saírse da vía co seu vehículo e bater contra unha árbore nunha pista en Touro.

Ocorreu preto das 9 desta mañá en Novefontes e alí acudiu un equipo médico para atendelo das feridas provocadas polo impacto.