Unha persoa ferida e atrapada despois de colidir dous vehículos en Carballo

Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Sucesos

Unha persoa ferida e atrapada despois de colidir dous vehículos en Carballo

Os Bombeiros de Carballo tiveron que excarcerar esta tarde a unha persoa que quedou atrapada no interior dun vehículo despois de colidir contra outro cando circulaban pola rúa de la Gran Vía, no termo municipal de Carballo.

Segundo informaron os alertantes que chamaron ao 112 Galicia, sobre as 17:30 horas, para pedir axuda, tras o impacto, un dos vehículos rematou envorcado contra un andamio. Aseguraban que había unha persoa no seu interior e que o vehículo corría risco de incendiarse.

Decontado, desde o 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros e ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazaron axiña ata o lugar. Do mesmo xeito, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento da Policía Local e dos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

Unha vez liberada a persoa, o persoal sanitario encargouse da súa evacuación.

Muller atrapada en Valga

Tamén, en Valga, unha muller tivo que ser liberada tras quedar atrapada no interior do seu vehículo despois de saírse da vía na AP-9, ao redor do punto quilométrico 99, dirección Vigo.

Foi unha persoa particular quen, sobre as 18:30 horas desta tarde, alertou ao 112 Galicia dunha saída de vía contra a mediana da AP-9.

Nada mais recibir o aviso, o 112 Galicia informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro e ao GES de Padrón. Tamén foron informados a Garda Civil de Tráfico, Policía Nacional, os efectivos de Protección Civil de Valga e o persoal de control da AP-9.

Finalmente, unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron que había unha muller atrapada no interior do vehículo e axudaron aos membros do GES coas tarefas de excarceración.

O persoal sanitario, unha vez liberada, atendeu á muller ferida.

Colisión en Guitiriz

Por outra banda, sobre as 16:00 horas de hoxe, o 112 Galicia foi alertado doutro accidente en Guitiriz. Varios particulares contactaron, a esa hora, co 112 para informar dun choque entre un turismo e unha furgoneta, na A-6, á altura de Trasparga.

Segundo o relato dos alertantes, os dous vehículos despois de dar varias voltas de campá remataron envorcados cada un deles en ambos sentidos da estrada.

Ata o lugar desprazouse decontado o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como os Bombeiros de Vilalba, tras ser alertados polo 112 Galicia, que tamén solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e de Protección Civil da localidade.

Finalmente, tras chegar ao lugar, os Bombeiros comunicaron que non foi preciso o uso do material de excarceración, posto que os dous condutores puideron saír polos seus propios medios dos vehículos. Iso si, indicaron que foi necesario cortar a electricidade dos coches para proceder á súa retirada.

Comentar noticia

Your email address will not be published.