Unha persoa resulta atropelada a raíz dun altercado entre dous condutores en Narón

Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Sucesos

Unha persoa resulta atropelada a raíz dun altercado entre dous condutores en Narón

Os servizos de emerxencia tiveron que intervir na pasada noite en Narón para prestar axuda a unha persoa que resultou ferida ao ser atropelada por un vehículo na Rúa Amalia Fraguela.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o incidente ocorreu pasadas as 22:00 horas, cando os condutores de dúas furgonetas empezaron unha discusión que rematou con ambos vehículos golpeados, posiblemente de forma intencionada, e unha persoa alcanzada pola furgoneta dun dos implicados.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias tivo constancia dos feitos a través da chamada de varios particulares. De acordo co relato dos alertantes, despois de producirse o atropelo, un dos vehículos continuou a marcha.

Alertados polos axentes do 112 Galicia, acudiron ao lugar os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e tamén axentes da Policía Local e Nacional. Os Bombeiros de Narón foron informados por se fose necesaria a súa colaboración.