Unha persoa resulta ferida tras producirse un incendio na súa vivenda en Vigo

Publicado por o día 02/05/2020 na sección de Galicia,Sucesos,Vigo

Unha persoa resulta ferida tras producirse un incendio na súa vivenda en Vigo

Unha persoa tivo que ser trasladada ata o Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, tras sufrir queimaduras a causa dun incendio rexistrado na súa vivenda.

Foi a propia persoa afectada quen, ao fío das 10:30 horas de hoxe, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. No seu relato, indicaba que ao tratar de apagar un lume orixinado nunha tixola, acabou sufrindo algunhas queimaduras. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, o incendio foi controlado ao momento, pero a persoa ferida necesitaba asistencia médica.

Con estes datos, desde o 112 Galicia pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vigo e tamén aos axentes da Policía Local.

Unha vez no punto, os equipos de extinción comprobaron que ardeu unicamente o utensilio doméstico e a persoa ferida foi trasladada ao centro hospitalario polos sanitarios.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) avisouse tamén aos membros de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.