Unha persoa sufriu feridas de consideración como consecuencia dunha colisión frontal entre dous vehículos en Ponteareas.
No sinistro tamén resultou ferida outra persoa, aínda que de carácter leve. Así o indicaron os efectivos de emerxencias a través do 112 Galicia unha vez que remataron a súa intervención coa excarceración dunha das vítimas.
Efectivamente, o impacto entre un turismo e unha furgoneta na PO-403, na parroquia de Angoares, provocou que un dos ocupantes quedase atrapado no interior dun dos vehículos implicados. Isto obrigou intervir aos Bombeiros-GES de Ponteareas, que, finalmente, rescataron á persoa e facilitaron a asistencia ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Así, a persoa foi evacuada, xunto con outro ferido, ao centro hospitalario de referencia.
Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia ás 18:30 horas de onte para dar conta da situación e pedir a asistencia dos servizos de emerxencias. Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias púxose a traballar nun operativo no que, ademais de bombeiros e sanitarios, participaron axentes da Policía Local e da Garda Civil.
Outro choque frontal en Cabana de Bergantiños
Ademais, en Cabana de Bergantiños, produciuse outro accidente de características similares ao tratarse dunha colisión frontolateral entre dous turismos.
Sucedeu durante a medianoite na parroquia de Cundíns e tres persoas necesitaron asistencia médica debido ás múltiples feridas que presentaban.
Tamén neste caso o operativo activouse tras recibir o 112 Galicia a alerta dunha persoa particular. Así, avisouse aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Garda Civil de Tráfico, membros do GES de Ponteceso e voluntarios de Protección Civil.
Noticias de última hora en Vigo