Un incendio provocado por unha tixola esquecida ao lume rematou con unha persoa evacuada ao Hospital Clínico con síntomas de intoxicación por inhalación de fume. Os feitos tiveron lugar ás 20:30 horas da pasada noite na Avenida de Vilagarcía, en Santiago de Compostela.
A esa hora, varios particulares contactaron co 112 Galicia para informar dos feitos. Segundo o relato dos alertantes, víase saír moito fume do interior dunha das vivendas dun edificio localizado á altura do número 11.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santiago e tamén dos axentes da Policía Nacional e Local.
Unha vez no lugar, os equipos de extinción lograron controlar o lume e confirmaron que unha persoa foi evacuada polos servizos sanitarios.
Desde o 112 Galicia avisouse tamén aos membros de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.
Incendio en Xunqueira de Ambía
Por outra banda, un incendio calcinou por completo o baixo dunha casa en Xunqueira de Ambía, Ourense, sen, afortunadamente, causar danos persoais.
Ás 19:00 horas de onte, unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para solicitar medios de extinción para unha vivenda no lugar de Sanxillao. Así, nada máis ter constancia do suceso, desde o CIAE pasouse aviso ao servizo sanitario e aos Bombeiros de Xinzo de Limia.
Tras rematar a intervención, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron que o piso inferior da vivenda rematou completamente calcinado e que o fume afectou ao andar superior.
Cómpre sinalar que neste operativo tamén participaron os axentes da Garda Civil e os membros de Protección Civil de Xunqueira de Ambía e de Allariz.
Noticias de última hora en Vigo