Unha porta aberta ao Parlamento galego e aos valores democráticos

Contou coa participación de tres exdeputados ourensáns
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

Unha porta aberta ao Parlamento galego e aos valores democráticos

Por segundo ano consecutivo, o campus de  Ourense acolleu este luns unha charla-coloquio organizada polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Exparlamentarios/as para que a comunidade universitaria, especialmente o seu alumnado, puidese coñecer de preto o traballo que se desenvolve nesta institución. O obxectivo último da iniciativa, explicaron os seus promotores, é “espallar os valores da democracia entre a xente moza, coñecendo de preto o traballo que se desenvolve na institución representativa do pobo galego”.

Durante a inauguración da cita, Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito onde se celebrou a charla, salientou como esta actividade supón “unha oportunidade para o noso alumnado, para que coñeza máis e mellor e desde dentro un órgano fundamental do noso estado democrático”. A responsable académica fixo fincapé na súa intervención na importancia de coñecer os principios que rexen esta institución e fomentar o respecto polo seu traballo diario en prol da democracia. Do mesmo xeito, Susana Álvarez, profesora do centro, subliñou a pertinencia de que o alumnado do campus e moi especialmente o da Facultade de Dereito se achegue a “un centro de produción normativa como é o Parlamento galego” contando ademais coa participación de persoas que traballaron nel con perfís moi diversos.

Ao longo da sesión explicouse as funcións desta cámara, a súa composición e órganos. A charla complementouse cunha proxección audiovisual na que se fixo un percorrido pola realidade da principal institución política de Galicia. Na sesión celebrada en Ourense participaron os exdeputados ourensáns Cástor Gago, Manuel Luís Rodríguez e Iago Tabarés. Os tres explicaron brevemente ao público presente a súa experiencia como parlamentarios en diferentes lexislaturas e no marco de traxectorias persoais nas que se mestura o exercicio profesional e o exercicio de cargos de carácter político. Cada un deles falou da súa experiencia parlamentaria formando parte de partidos políticos con diferente representación na cámara, como son o PPdeG no caso de Cástor Gago, o PSdeG no caso de Manuel Luís Rodríguez e o BNG no caso de Iago Tabarés. Alén da súa experiencia persoal, durante as súas intervencións subliñaron a importancia desta institución no marco democrático e o traballo que nela se realiza día a día para a cidadanía.