Unha quincena de voluntarios do Concello de Nigrán retira media tonelada de lixo

Fundamentalmente sacouse material de construción pero tamén cristais, neumáticos, plásticos… En total, suman 2'5 toneladas recollidas dende o ano 2015, cando o Concello de Nigrán promoveu esta xornada no esteiro.
Publicado por o día 03/10/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Nigrán

Unha quincena de voluntarios do Concello de Nigrán retira media tonelada de lixo

Unha quincena de voluntarios retirou este domingo media tonelada de lixo do esteiro de A Foz (A Ramallosa) na “X Limpeza Simultánea” organizada polo Concello de Nigrán e coordinado pola asociación ecoloxista Adega no marco do “Proxecto Móllate polos Ríos”. Aproveitando a marea baixa, os participantes extraeron fundamentalmente material de construción, botellas de vidro, plásticos, neumáticos ou redes. Este é o terceiro ano consecutivo no que o Concello se suma a esta iniciativa promovida polo goberno local, retirándose do esteiro de A Foz dende o ano 2015 un total de 2,5 toneladas de lixo. "Esta xornada busca a concienciación social e a sensibilización medioambiental, queremos incidir en que o esteiro é patrimonio de tódolos miñoranos e entre todos debemos coidalo", resume o edil de Medio Ambiente, Diego García.

Esta “X Limpeza Simultánea” tivo lugar en ríos que atravesan medio cento de municipios de Galicia e sempre se realiza grazas ao labor de grupos de voluntarios, xa que se trata dunha iniciativa que busca a concienciación social.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.