Unha “semente salvaxe” agroma en Mondariz da man de “mulleres en acción. Violencia Zero”

O mural realizado na fachada do campo de fútbol é obra da artista Noemí Núñez e pon en valor a necesidade de cultivar a autoestima
Publicado por o día 06/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Mondariz

Unha “semente salvaxe” agroma en Mondariz da man de “mulleres en acción. Violencia Zero”

Evidenciar a necesidade de cultivar a autoestima para empoderar ás mulleres evitando así futuras agresións machistas é o obxectivo do mural presentado este mércores no concello de Mondariz no marco do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”. Victoria Alonso, deputada provincial de Cultura e Igualdade, e Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz, non quixeron perder a oportunidade de desfrutar en directo da obra de Noemí Núñez, situada no Campo Municipal da Lagoa.

“Semente salvaxe” é o título dun mural que para a deputada de igualdade removerá a conciencia das persoas que o contemplen. Alonso tamén quixo facer fincapé na necesidade que ten a cultura á hora de que esa semente agrome e medre en consonancia cos valores que actúan como eixos transversais das políticas do ente provincial. Pola súa banda, o alcalde de Mondariz aproveitou a ocasión para poñer en valor a simboloxía que aporta o espazo no que se atopa o mural: un campo de fútbol, deporte practicado en gran medida por homes.

O mural amosa a unha personaxe feminina regándose a si mesma, unha acción coa que a autora quixo poñer sobre a mesa a necesidade de cultivar a autoestima. Xunto a esta figura, rodeada de natureza en tons morados para simbolizar a loita feminista, Noemí Núñez deixa claro que a muller da súa obra está “sementando e coidando a igualdade” a través dunha frase integrada no lado esquerdo do mural. Sen dúbida, a obra presentada esta mañá recolle perfectamente a esencia do lema que este ano ten o programa: “Sementa Igualdade + Cultiva Cultura = Recolle cambio”.

Esta foi a décimo cuarta acción levada a cabo dentro da quinta edición do programa, iniciada en novembro de 2019. “Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición estase a celebrar en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).

Comentar noticia

Your email address will not be published.