Unha sentenza avala o requisito de empadroamento en Vigo para beneficiarse do desconto da PassVigo

Publicado por o día 15/02/2020 na sección de Galicia,Vigo

Unha sentenza avala o requisito de empadroamento en Vigo para beneficiarse do desconto da PassVigo

O xulgado número dous do Contencioso-Administrativo de Vigo considera válido o requisito de empadroamento para que o usuario do transporte público urbano poida beneficiarse das bonificacións de desconto coa tarxeta PassVigo.

Así o ditaminou o poder xudicial a través dunha sentenza que rexeita o recurso presentado polo Concello de Mos no que impugnaban a existencia deste requisito de empadroamento por ser “un criterio vulnerador do artigo 14 da Constitución española”.

No documento do xulgado número dous desestímase esta reclamación por dous motivos. Primeiro porque considera que o Concello, como ostentador de poder público, só podería actuar fronte a outra administración en defensa do interese xeral e o xuíz “dubida” sobre “cales son eses graves problemas” que Mos argumenta que sofren os seus veciños ao non poder beneficiarse das bonificacións de Vigo.

Ademais, o maxistrado aludiu á extemporaneidade do recurso presentado, xa que se fixo “fóra de prazo”. Segundo explica a sentenza, o Concello de Vigo aprobou en pleno municipal, en 2014, as condicións que os usuarios do transporte público debían cumprir para gozar dos descontos de prezos.

Con todo, non foi ata 2018 cando o Concello de Mos compareceu contra esta causa por considerar que vulnera o principio de igualdade. Por este motivo, o xuíz determinou que a administración local de Mos non pode xa interpoñer un recurso contra unha acción que se fixo pública catro anos antes e que, aínda que se revisou en 2017, mantén “intacta” a esencia da proposta aprobada.

Por outra banda, esta sentenza rexeita a premisa de que o dereito da igualdade vese vulnerado neste caso, xa que aínda que o transporte público é de “acceso universal”, os servizos públicos municipais “asisten” aos veciños de cada localidade.

A súa universalidade debe garantirse, “pero non ten por que ser necesariamente o mesmo dereito, da mesma forma” para os veciños do propio municipio e os doutros.