Unha tese amosa os beneficios do uso da tecnoloxía ‘verde’ MHG na extracción de compostos antioxidantes

Na busca de métodos máis eficientes desde o punto de vista ambiental, económico e de calidade
Publicado por o día 10/01/2020 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

Unha tese amosa os beneficios do uso da tecnoloxía ‘verde’ MHG na extracción de compostos antioxidantes

Nun contexto de crecente interese polos compostos antioxidantes e bioactivos, a súa obtención dun modo eficiente e eficaz desde o punto de vista económico, ambiental e de calidade supón un reto para a comunidade científica. Na súa tese de doutoramento, a  investigadora do Grupo EQ2 da Universidade de Vigo Lucía López demostra o potencial que ten neste senso a tecnoloxía emerxente MHG (Microwave hydrodiffusion and gravity).

Aplicación en diversas materias primas

A tese, titulada Microwave hydrodiffusion and gravity (MHG). Extraction and characterization of compounds with antioxidant properties, foi realizada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense baixo a dirección de María Dolores Torres. “Neste traballo empreguei a emerxente tecnoloxía MHG con diferentes recursos agroforestais, subprodutos alimenticios e algas mariñas para extraer compostos de alto valor engadido con propiedades antioxidantes”, comenta a investigadora. A elección desta tecnoloxía, a hidrodifusión asistida con microondas e combinada coa gravidade, detalla, débese a que “non emprega disolventes engadidos e procede á extracción dos compoñentes presentes na materia prima nunha única etapa”.

En concreto, no seu estudo Lucía López aplicou a extracción mediante MHG a diversas materias primas (recursos agroforestais, vexetais infrautilizados, subprodutos da industria alimentaria e algas pardas), analizando os cambios estruturais sufridos tras a extracción e determinando o contido fenólico e a capacidade antioxidante dos extractos obtidos, entre outros aspectos. Os extractos obtidos mediante esta tecnoloxía verde, detalla Lucía López, foron incorporados á formulación de distintos produtos de coidado persoal e hidroxeles en comparación cos extractos obtidos por destilación e métodos de extracción sólido-líquido. Na investigación, engade a autora do traballo, tamén se optimizou este proceso como método de deshidratación de algas mariñas pardas comestibles, corroborando que pode permitir en paralelo a recuperación dos compostos bioactivos das materias primas e a valorización da fase sólida resultante.

Metodoloxía emerxente

En xeral, explica Lucía López, a investigación amosou que a tecnoloxía MHG “é un método emerxente de extracción respectuoso co medio ambiente que permite a recuperación de compostos bioactivos de distintos recursos agroforestais infrautilizados, subprodutos e excedentes de alimentos e materias primas mariñas, proporcionando de forma sustentable fitocompostos de alto valor engadido”. Os resultados obtidos, apunta, “indican que MHG é unha atractiva tecnoloxía de extracción verde capaz de recuperar compoñentes activos hidrosolubles dunha ampla gama de materias primas naturais”. Segundo explica a investigadora, “esta metodoloxía emerxente, libre de disolventes, proporciona extractos de fitocompostos de alta calidade con capacidade antioxidante nunha única etapa produtiva con ou sen procedementos secuenciais, aforrando enerxía, tempo e recursos en comparación cos procesos de extracción convencionais”.

Ademais, engade Lucía López, o método MHG pode utilizarse para unha “apropiada deshidratación completa dos recursos mariños, xunto cunha extracción adecuada dos seus compostos bioactivos, que pode estenderse a outros recursos”. Os extractos acuosos obtidos mediante este procedemento, detalla, poden ser empregados con éxito na formulación de produtos de coidado persoal e matrices funcionais de hidroxeles, proporcionando efectos mecánicos saudables e positivos. “Estes resultados poden ser de importancia crítica non só para a comunidade científica, senón tamén para o sector industrial alimentario e non alimentario”, indica por último a investigadora do campus de Ourense.

Comentar noticia

Your email address will not be published.