Unha tese demostra o valor intrínseco do teatro de rúa coa comunidade en Portugal

Publicado por o día 20/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha tese demostra o valor intrínseco do teatro de rúa coa comunidade en Portugal

Co dobre obxectivo de construír unha historia crítica e sistemática do teatro de rúa en Portugal e identificar a relación fundamental existente coa comunidade, a alumna do programa de doutoramento interuniversitario de Estudos Literarios, ademais de bailarina, Susana de Figueiredo investigou o teatro de rúa no país veciño, desde as súas manifestacións ancestrais ata as propostas postmodernas, pasando polas opcións e propósitos estéticos que o compoñen. “Obsérvase nesta investigacion un interese por comprender o impacto do teatro de rúa na comunidade, de que xeito funciona o obxectivo de traer ás persoas á rúa e facer que vivan os seus espazos afíns e reflictan as súas accións sobre a súa comunidade”, explica a investigadora, que sinala que o teatro busca relacionarse co ambiente e a cidadanía, pero acentúase a interconexión deste no espazo público, “un lugar para todos os estratos sociais, un lugar que é do pobo e non permite que haxa unha selección, sendo así un valor de consolidación para unha democracia cultural”, explica a autora da investigación.

Baixo a dirección do docente e investigador do departamento de Literatura española e teoría da literatura Manuel Ángel Candelas, a tese O teatro de rua em Portugal: das festas cíclicas ás propostas pósmodernas, aspectos teóricos, históricos, estéticos e socioeducativos, desenvolveuse, segundo a súa autora, coa finalidade de analizar o teatro de rúa como construtor de valores e decisivo na consolidación do desenvolvemento social, económico, educativo, comunitario, cultural e político; fundamentar teoricamente e empiricamente como o teatro se constitúe como ferramenta crucial no desenvolvemento comunitario; chamar a atención sobre a necesidade de investigar o teatro de rúa e percibir a súa importancia para a poboación do municipio luso de Santa María da Feira.

Para a elaboración da súa investigacion, De Figueiredo realizou entrevistas, enquisas e indagación documental, analizando o teatro de rúa en Santa María da Feira, en particular os contidos do Viagem Medieval en Terra de Santa María e o entroido en Portugal, con tradicións que lle son próximas como Compadres e Comadres do Carnaval, os caretos, o Testamento de Judas ou a Festa dos Rapaces e a Bugiada. “Tamén entrevistei a Jürgen Müller, un dos fundadores de La Fura dels Baus, cos que realicei en Portugal as prácticas de finais de grao, e un dos directores artísticos con maior influencia nas compañías de teatro de rúa, non só en España e en Europa, senón en todo o mundo”, detalla a autora da tese.

O teatro de rúa xérase por unha liña estrutural artística

Segundo Susana de Figueiredo, os resultados atopados na súa investigación, froito da aplicación de varias técnicas, demostran un valor intrínseco do teatro coa comunidade. Así mesmo, segundo a doutora “a investigación realizada permitiu concluír que o teatro de rúa xérase por unha liña estrutural artística, englobando os diversos elementos como o corpo, a interpretación, a dramaturxia, o espazo público, a escenografía, a música, ou a iluminación, entre outros. Estes elementos, que funcionan no ámbito estético, interactúan coa propia construción teatral, atopando no espazo da escena, unha fundamentación para a identificación cultural”, explica a Susana de Figueiredo en relación coas conclusións da súa tese.

Na súa investigacion, a graduada en Teatro e Artes Performativas na Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro e cun máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo, tamén conclúe que no ámbito educativo debe existir unha maior preocupación, tanto no teatro que a infancia e a mocidade visualiza, como na forma na que reciben a mensaxe, ao tempo que apunta que se debe considerar crucial o aspecto económico-político, pola forza que o teatro ten en moitas circunstancias históricas, como as de loita e rebeldía, que colocan na arte teatral unha responsabilidade, “en virtude da súa ferramenta como liberador de consciencias e pensamentos”. Así mesmo, De Figueiredo destaca a concordancia nas opinións de Müller, António Olveira (Radar 360º – Portugal) e Gil Ferreira (concelleiro do Pelouro da Cultura de Santa María da Feira) en relación coa función de teatro de rúa, “sendo que deixa de ser necesario un palco, con un espazo pechado e platea, para existir un intercambio de coñecemento, e dando valor á teatralidade da rúa, como carácter de diversificación e proliferación de consciencias e alicerces sociais”, conclúe a investigadora.